HomeXunta de GaliciaA Xunta contribúe á programación escénica da Coruña e da súa área...

A Xunta contribúe á programación escénica da Coruña e da súa área con 48 actuacións ata xuño no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios

- Anuncio -spot_img

— O Fórum Metropolitano e o Teatro Rosalía Castro suman 27 funcións na cidade, mentres que Arteixo, Oleiros, Betanzos e Sada acollen 21 citas no mesmo período

— O circuíto, apoiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, programa neste primeiro semestre 307 funcións en 42 concellos cun orzamento duns 1,29 M€

A Xunta de Galicia contribúe á oferta cultural da cidade da Coruña neste primeiro semestre de 2026 con 27 actuacións escénicas no Fórum Metropolitano e no Teatro Rosalía Castro, ás que se suman outras 21 funcións nos concellos próximos de Arteixo, Oleiros, Betanzos e Sada. Todas elas integran a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos de artes escénicas e de música, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e as máis de 40 entidades locais asociadas.

Nesta primeira metade do ano, o circuíto autonómico desenvolve unha primeira carteleira conformada por 307 citas en 42 concellos das catro provincias, para as que conta cun orzamento de preto de 1,29 M€, un 5,6% máis que no mesmo período de 2025, destinado integramente á contratación de 102 compañías escénicas e grupos de música.

A programación no Fórum Metropolitano arranca mañá mesmo con A cámara escura, de Vórtice Escénico, que pon o foco no ciberacoso e na difusión non consentida de contidos íntimos na adolescencia. O 13 de febreiro chegará Pum Pum, quen hai?, de Ártika Cía, unha comedia musical para público infantil arredor dun xogo compartido na aldea e da chegada de novas veciñas e veciños.

O calendario continúa con dúas coproducións do Centro Dramático Galego: Nada se sabe xunto a Culturactiva o 6 de marzo e Berenguela na gaiola con Galeatro, Xarope Tulú e o FIOT de Carballo o 28 de marzo.

O espectáculo de Funboa Escénica Sinte poderá verse o 10 de abril, mentres que Rauxa Cía. chegará o 24 dese mes con Teatro de papel. Xa en maio, a carteleira do Fórum ofrecerá As palabras perdidas, de Inventi Teatro, o día 15; Made in Galiza, de Sarabela Teatro, o día 22, e MR.BO, de Marie de Jongh, o día 30.

Estreas no circuíto
Pola súa banda, o Teatro Rosalía Castro programa 15 funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios entre xaneiro e xuño, que deron xa comezo o pasado día 16 coa estrea de Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota e Compañía. A continuación, pasarán por este espazo coruñés os espectáculos A historia vaxenial, que Artyc Content estrea tamén neste escenario o 6 de febreiro, e TROMSØ, de Morraoconto, o 7 de febreiro.
O Teatro Rosalía será así mesmo o primeiro escenario no que se representará Riazor Ostia, o novo de Os Náufragos, que poderá verse o 27 e o 28 de febreiro. Xa en marzo, chegarán Artur Ui, o ovo da serpe, de Talía Teatro, os días 13 e o 14, e Ictus (a derradeira leición de anatomía do Dr. Castelao), de Grupo Chévere, os días 20 e 21.


En abril, a programación deste espazo incorpora dúas citas de danza: O punto impropio, de Javier Martín, o día 17, e Alén, de Colectivo Glovo en coprodución co Centro Coreográfico Galego, o día 30. A carteleira semestral complétase con Mofa e Befa: Os dous de sempre, de Producións Teatrais Excéntricas, os días 15 e 16 de maio; Sabes que las flores de plástico nunca han vivido, ¿verdad?, de Tanttaka Teatroa, o 22 de maio, e Los dos hidalgos de Verona, de LAZONA, o 5 de xuño.

Máis artes escénicas na área coruñesa
Na área coruñesa, tamén os concellos de Arteixo, Betanzos, Oleiros e Sada están adheridos á Rede Galega de Teatros e Auditorios, cunha programación conxunta de 21 funcións ata finais de maio.

Arteixo ofrecerá cinco propostas no Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía. Este mes xa puideron verse aquí Amalia y el río, historia de una estraperlista, de Teatro Guirigai, e O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, mentres que en abril será a quenda de Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico, o día 10; BenQuerer, Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras, de Fran Sieira Compañía de Danza, o día 17, e Monte, de Laboratorio Escénico, o día 24.

Oleiros programa no Auditorio Gabriel García Márquez outras cinco funcións da Rede: As desterradas, de Producións Teatrais Excéntricas, o 7 de marzo; Un tal Romeo, de A Ramboia, o 14 de marzo; O Proceso, de Malasombra, o 21 de marzo; Memorias dun neno labrego, producido polo Centro Dramático Galego e Contraproducións, o 11 de abril, e Alta Costura, de Elefante Elegante, o 18 de abril.

Pola súa banda, Betanzos ofrece tres actuacións na Aula Municipal de Cultura: Tolóptica, de Código Azul, o 21 de marzo; Un Deus salvaxe, de Talía Teatro, o 18 de abril; e O Proceso, de Malasombra, o 16 de maio.

No caso de Sada, a Casa da Cultura Pintor Lloréns acollerá oito citas entre xaneiro e maio: Go Home, de Etiqueta Negra Producións, o 18 de xaneiro; Frankenstein, de Ghazafelhos, o 30 de xaneiro; Dentro y fuera – Pepe y Lucas, de Etiqueta Negra Producións, o 8 de febreiro; Abracadaver, de AsSircópatas, o 27 de febreiro; un monólogo de David Perdomo o 15 de marzo; Xoga e maxia, de O Mago Paco, o 27 de marzo; O mundo máxico de Pinocho, de EducaTeatro Producións, o 25 de abril; e Guerra, de Teatro do Noroeste, o 3 de maio.

Publicacións Relacionadas