HomeXunta de GaliciaA Xunta convoa co sábado en Silleda máis de 2.500 persoas ás...

A Xunta convoa co sábado en Silleda máis de 2.500 persoas ás probas para avaliar competencia clave en galego, castelán, matemáticas e inglés

- Anuncio -spot_img
  • Os exames están dirixidos a persoas que non teñan título da ESO ou Bacharelato e desexen cursar certificados profesionais que inclúen como requisito esa formación
  • Para o desenvolvemento destas probas hai despregado un operativo de máis 70 persoas encargado de que todo se realice de xeito correcto e coa máxima seguridade, ademais de asistencia médica e ambulancia
  • Para facilitar a realización destas probas, a vindeira semana tamén se realizarán en Fademga, en Santiago, no Centro de Reeducación Concepción Areal da Coruña e nos centros penitenciarios de Teixeiro (A Coruña) e da Lama (Pontevedra)
  • As persoas participantes que non superen estas probas de maio teñen a oportunidade de presentarse unha segunda vez ás adicionais que se celebrarán no mes de outubro
  • Con esta medida, a Xunta trata de favorecer o acceso á cualificación profesional dos galegos e galegas, sen que a súa formación académica previa poida resultar un impedimento á hora de incrementar as súas opcións laborais no futuro. 

Este próximo sábado 24 de maio, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración levará a cabo a 19ª edición das probas en competencias clave de nivel 2 e 3 nas instalacións do Recinto Feiral Internacional da Fundación Semana Verde en Silleda (Pontevedra), na que foron admitidos un total de 2.517 galegos e galegas: 1.604 para o nivel 2 de cualificación e 913 para o nivel 3.

Estas probas van dirixidas a aquelas persoas que non posúen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou o Bacharelato e, polo tanto, non contan cos requisitos de formación requiridos para acceder aos cursos cos que se poden obter os certificados profesionais. Deste xeito, coa aprobación destas competencias clave en galego, castelán, matemáticas e inglés os participantes poden acreditar os seus coñecementos, acceder á formación para o emprego e cursar os certificados profesionais que requiren deses requisitos académicos.

Con esta medida, a Xunta trata de favorecer o acceso á cualificación profesional dos galegos e galegas, sen que a súa formación académica previa poida resultar un impedimento á hora de incrementar as súas opcións laborais no futuro. 

Cómpre sinalar que para o desenvolvemento destas probas hai despregado un operativo de máis 70 persoas encargado de que todo se realice de xeito correcto e coa máxima seguridade. Tamén se dispón de asistencia médica e ambulancia para atender calquera incidencia que se puidera producir durante a realización das probas.

Segunda oportunidade

Nesta convocatoria, segundo a novidade incorporada no ano 2023, ofréceselles a todas aquelas persoas participantes que non superen estas probas de maio a oportunidade de presentarse unha segunda vez ás probas adicionais que se celebrarán no mes de outubro.

Así, o desenvolvemento das probas en dúas  datas, outorga a posibilidade de completar a superación de todas as competencias sen necesidade de ter que que esperar a unha nova convocatoria, o que se traduce, na práctica, en dúas oportunidades de acadar cada competencia clave cunha única inscrición.

Ademais das probas que se realizan o sábado en Silleda, a vindeira semana realizaranse tamén nas instalacións de Fademga, en Santiago de Compostela, no Centro de Reeducación Concepción Areal da Coruña e nos centros penitenciarios de Teixeiro (A Coruña) e da Lama (Pontevedra) co fin de facilitar a realización destes exames a persoas que doutro xeito non se poderían presentar ou lles resultaría máis difícil facelo.

Publicación dos resultados

A publicación dos resultados provisionais das probas está previsto para a segunda quincena do mes de xuño de 2025, abríndose un prazo para reclamacións de 4 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación das cualificacións na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración https://conselleriaemprego.xunta.gal/formacion/competencias-clave/convocatoria-probas, onde tamén poderán consultarse os resultados definitivos unha vez que sexan revisadas as reclamacións que se poidan presentar.

Publicacións Relacionadas