HomeXunta de GaliciaA Xunta convoca un curso de formación básica para persoal voluntario de...

A Xunta convoca un curso de formación básica para persoal voluntario de Protección Civil

- Anuncio -spot_img
  • A Academia Galega de Seguridade Pública impartirá esta acción formativa, que se realizará de xeito descentralizado no concello do Porriño
  • Os interesados poden matricularse a través da web da Academia a partir de mañá e ata o 27 de outubro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dun curso de formación básica para o persoal voluntario das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil impartido pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Esta formación, que oferta 35 prazas, desenvolverase de xeito descentralizado e semipresencial, combinando sesións de contidos teóricos en liña e sesións prácticas que se realizarán no concello do Porriño de xeito presencial.

O curso básico de Protección Civil está dividido en seis módulos formativos, que inclúen contidos sobre loita contra os incendios, actuacións básicas ante emerxencias médicas, instrución sobre riscos accidentes e autoprotección ou sobre comunicación e igualdade de oportunidades. A formación suma un total de 32 horas lectivas, con 22 horas de formación en liña e 10 horas de instrución práctica.

O prazo de inscrición para este curso ábrese mañá e prolóngase ata o 27 de outubro. Deberá facerse a través do formulario habilitado na páxina web da Agasp, onde tamén se publicará o contido das diferentes actividades formativas e a relación de persoas seleccionadas para participar nesta formación, que se realizará entre novembro e principios de decembro.

Do total de 35 prazas ofertadas, o 50 % estarán reservadas para mulleres que cumpran cos requisitos esixidos na convocatoria e daráselle preferencia de acceso ás persoas con menos cursos realizados na Agasp nos últimos dous anos, así como ás solicitudes por orde de presentación.

A convocatoria forma parte da programación formativa deseñada pola Academia Galega de Seguridade Pública para este segundo semestre do ano e súmase á publicada en febreiro, tamén para persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, con 16 cursos e preto de 400 prazas.

Centro formativo de referencia para os servizos de emerxencia

Por outra banda, o plan de formación previsto ata xuño para persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia ofertou case 7.500 prazas para realizar preto de 9.000 horas lectivas en 250 accións formativas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista.

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas.

Publicacións Relacionadas