― A Academia Galega de Seguridade Pública Impartirá as accións formativas, que se realizarán de xeito descentralizado en diversos concellos de toda Galicia
― As inscricións deben formalizarse a través da web da Academia a partir de mañá e ata o 1 de abril
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 29 cursos de formación continua impartidos pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para persoal voluntario das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. O conxunto das accións formativas suma preto de 700 prazas e inclúe sesións presenciais e semipresenciais descentralizadas en diversos concellos galegos.
Así, realizaranse cursos semipresenciais de prevención e loita contra incendios urbanos e forestais en Ames, Tui e Barbadás, de organización e seguridade en eventos multitudinarios e probas deportivas e de motor en Petín, de coordinación de incendios en situación 2 en Monforte de Lemos e na Pobra de Trives, de busca de persoas desaparecidas en Barbadás e Cerdedo-Cotobade, e de condución de vehículos todoterreo en Narón, Culleredo, Toén e A Estrada.
Os cursos presenciais centraranse en comunicación en emerxencias, cunha sesión en Vilagarcía de Arousa, desfibrilación externa semiautomática, con cursos na Coruña, Zas, Cervantes, Triacastela, Ourense, A Rúa e Lalín, e no manexo de motoserra, na Pobra do Caramiñal, Verín, A Veiga e Salceda de Caselas. Tamén haberá accións formativas de manexo de material de emerxencias, en Celanova e Manzaneda, e de prevención e loita contra incendios urbanos e forestais en Cervantes e Triacastela, así como de tripulación en embarcacións para preventivos acuáticos, en Poio.
As persoas interesadas en inscribirse nos cursos deben presentar a solicitude a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal). O prazo para facelo é desde mañá ata o 1 de abril.
A convocatoria forma parte da programación formativa deseñada pola Academia Galega de Seguridade Pública para este primeiro semestre do ano e súmase á publicada en febreiro, tamén para persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, con 16 cursos e preto de 400 prazas.
Preto de 7.500 prazas e 250 cursos
En total, o plan de formación previsto ata xuño para persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia oferta case 7.500 prazas para realizar preto de 9.000 horas lectivas en 250 accións formativas para voluntarios de Protección Civil e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como axentes forestais e ambientais. Inclúese tamén aquí a formación en materia de socorrismo impartida para a inscrición no Rexistro Profesional de persoal socorrista.
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas.