O director de Turismo de Galicia participou no acto de entrega de diplomas SICTED a empresas e servizos de Barbanza Arousa
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a aposta que fai o Goberno galego por reforzar a calidade do destino de Galicia a través dun Plan de Calidade e Sustentabilidade, da colaboración co Cluster do Turismo e de axudas a empresas para apoiar e asesoralas na obtención da Q de Calidade Turística e a S de Sustentabilidade. “Pretendemos acompañar o importante crecemento que está a ter o turismo en Galicia, e facelo sempre da man da excelencia”, subliñou.
Xosé Merelles participou esta tarde na II Gala do Turismo Barbanza Arousa na que se fixo entrega de diplomas SICTED a varias empresas e servizos do destino. Neste sentido, o director de Turismo de Galicia celebrou a incorporación destas empresas, o que cualificou unha boa noticia para o turismo de Barbanza Arousa pero tamén para todo o turismo de Galicia. “Contar cada vez máis con empresas e servizos acreditados cun distintivo de calidade eleva a nosa oferta e amosa o traballo realizado pero tamén unha aposta de futuro”, asegurou.
Na actualidade, a Comunidade galega conta con 18 destinos SICTED, 312 entidades adheridas e 1.104 servizos distinguidos con esta acreditación. Concretamente, en Barbanza Arousa o número de empresas distinguidas é de 49 entidades de 18 oficios diferentes.
O programa SICTED busca a mellora integral da calidade turística, apoiando ás empresas e servizos do territorio, outorgándolle as ferramentas necesarias para lograr un destino de calidade e sostible.
A súa filosofía entronca coa estratexia de turismo de Galicia na medida en que axuda a definir un destino auténtico, permite avanzar na desestacionalización da demanda e favorece a consecución de maiores estándares de calidade e sostibilidade.