- A iniciativa, posta en marcha no ano 2012, está aberta á centros educativos de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional da área de influencia do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas
- Un total de 8 colexios, 14 aulas e 220 estudantes presentaron proxectos creativos relacionados cos valores naturais e culturais dos arquipélagos ao concurso final do programa e como premio desfrutaron dunha visita guiada a Cíes ou a Ons
A XIV edición do programa de educación ambiental O Parque Nacional coa Escola, unha iniciativa promovida pola Xunta para achegar á comunidade escolar os valores e a riqueza dos catro arquipélagos que conforman este espazo natural único —Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada—, acaba de concluir coa participación de case 2.000 estudantes de 53 centros educativos localizados nos concellos da súa área de influencia: Bueu, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Vigo.
Este programa, que combina e inclúe charlas, actividades didácticas e obradoiros (xogos, conta contos, presentacións audiovisuais…), está aberto á participación de colexios de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional co obxectivo principal de implicar e concienciar a alumnado de distintas idades na conservación do único parque nacional existente na Comunidade.
Durante o curso 2025-2026, as actividades programadas desenvolvéronse tanto no Centro de Visitantes que ten o parque en Vigo como nos propios colexios, en caso de que así o solicitaran desde os centros participantes.
Así mesmo, un total de 8 colexios das etapas de Infantil e Primaria, 14 aulas e 220 estudantes participaron no concurso final O Parque Nacional coa Escola, no marco do cal tiveron que presentar diferentes traballos creativos relacionados cos valores naturais e culturais dos catro arquipélagos.
Todos os colexios resultaron gañadores e como premio, foron convidados a visitar recentemente Cíes ou Ons, onde realizaron unha ruta interpretativa da man dos guías oficiais do parque. Ademais, as alumnas e alumnos foron agasallados polo seu esforzo cun diploma para a aula e un kit composto por mochila, camiseta e porta bocadillos.
Desde a posta en marcha da iniciativa no ano 2012, cómpre lembrar que veñen participando na mesma unha media de 45 centros e uns 2.000 alumnos por curso, de xeito que xa son preto preto de 26.000 os escolares participantes ata o de agora.
A valoración do programa por parte dos docentes é sempre moi positiva, destacando a adaptación para cada nivel tanto das metodoloxías aplicadas como das dinámicas realizadas co alumnado. De feito, O Parque Nacional coa Escola é xa unha referencia na educación ambiental galega, promovendo o coñecemento, o respecto e a conservación das Illas Atlánticas entre o alumnado das distintas etapas escolares.
En todo caso, a dirección do Parque Nacional vén traballando directamente tamén cos centros educativos da contorna mediante outras fórmulas didácticas, polo que se estima que desde o inicio deste tipo de actividades de educación ambiental o número de participantes total supera xa os 40.000.

