- Román Rodríguez felicítaos por ter acadado praza nas oposicións celebradas este verán e destaca a aposta do Goberno galego pola estabilidade do profesorado
- Reafirma a aposta do Executivo autonómico por poñer en valor o papel do docente como piar do sistema e polo reforzo da súa autoridade e prestixio
- Os novos funcionarios teñen unha idade media de 32,5 anos, o 67,7% son mulleres e chegan para enriquecer 49 especialidades diferentes no sistema público
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, dá a benvida aos 1.113 docentes que este curso se incorporan ao sistema educativo galego tras aprobar as oposicións celebradas no verán. O representante da Xunta inaugurou hoxe na Cidade da Cultura a primeira xornada formativa de acollida para os 385 mestres de Infantil e Primaria. Mañá será a quenda dos 665 profesores de ensino secundario e aos 63 de sectores singulares da FP.
O titular do departamento educativo do Goberno galego felicitou aos docentes “polo esforzo recompensado agora coa súa incorporación ás aulas como funcionarios en prácticas”. “Formades parte dunha comunidade ampla e diversa, composta por miles de persoas que, día a día, traballan con ilusión e compromiso para construír unha sociedade máis xusta e dar a mellor formación aos galegos do futuro”, afirmou o conselleiro.
Román Rodríguez destacou a aposta da Xunta pola estabilidade e boas condicións de traballo. Neste sentido, lembrou que o Goberno autonómico convocou para os oposicións deste ano o máximo de prazas posibles, 120 por cada 100 baixas. “Isto vainos permitir seguir sendo a comunidade coa interinidade docente máis baixa do Estado, por debaixo do 5%, fronte ao 30% do conxunto do Estado”, detallou.
“Neste inicio de etapa queremos transmitirvos unha mensaxe clara: non estades sós”, afirmou o conselleiro. A este respecto, recordou que a Consellería dá este curso un novo pulo á posta en valor do docente como piar do sistema educativo, reforzando a súa figura. “Ademais, seguimos traballando para prestixiar o labor docente e mellorando as vosas competencias a través do Plan de formación do profesorado”, explicou.
“Chegades, pois, a un sistema consolidado, recoñecido pola súa calidade académica, polo rigor do seu profesorado e polo esforzo constante por innovar e mellorar”, declarou o conselleiro. “En nome de toda a comunidade educativa, dámosvos a noraboa por apostar pola docencia e por sumarvos a este sistema, que mellora e medra a partir de hoxe co voso traballo”, salientou o conselleiro na inauguración da xornada no Gaiás.
Especialidades con máis incorporacións
Dos docentes de novo ingreso, os que se incorporan ao corpo de mestres fano en oito especialidades, os do corpo de profesores de Ensino Secundario en 33 e os do de profesores de sectores singulares da FP en oito especialidades.
As cinco especialidades con maior número de novos docentes no corpo de mestres son as de Educación Primaria (111), Educación Infantil (73), Lingua Estranxeira Inglés (46), Audición e Linguaxe (46) e Pedagoxía Terapéutica (35). No caso do corpo de profesores de Ensino Secundario, as especialidades con máis incorporacións son Inglés (89), Lingua e literatura galega (69), Tecnoloxía (48), Educación física (39) e Xeografía e historia (37).
No de profesores de sectores singulares da Formación Profesional destacan Mantemento de vehículos (15 novos docentes), Mecanizado e mantemento de máquinas (12), Cociña e pastelaría (10), Peiteado (7) e Servizos de restauración (7).
Perfil e destino dos novos docentes
A idade media dos novos profesores é de 32,5 anos, sendo a máis nova unha mestra de Lingua estranxeira (inglés) de 22 anos e a maior unha profesora de Formación e orientación laboral de 62. O 67,7% das persoas que obtiveron unha praza de novo ingreso son mulleres, un total de 754, mentres que o 32,3% (359 persoas) son homes.
Todos eles saben xa, desde a resolución do concurso de adxudicación de destinos provisionais a finais do pasado mes de xullo, cal é o centro no que desenvolverán o seu labor este curso 2025/26. Farano en 190 concellos de toda Galicia. Os concellos que reciben máis de 20 docentes son A Coruña (86), Vigo (84), Santiago de Compostela (59), Ourense (48), Pontevedra (47), Ferrol (34), Vilagarcía de Arousa (24) e Lugo (22).
Acollen entre 10 e 19 novos profesores Arteixo (19), Monforte de Lemos (19), Ponteareas (19), Carballo (18), Redondela (18), Ribeira (16), O Porriño (13), Betanzos (12), Culleredo (12), Cambados (12), Ames (11), Boiro (11), Lalín (11), O Grove (11), Tui (11), Viveiro (10) e Poio (10).

