— A resolución, que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, inclúe condicionantes co fin de minimizar e compensar os posibles impactos que a execución da iniciativa poida ter na contorna
— O trámite refírese á implantación dunha instalación promovida por Granxa Campomayor no lugar da Bragaña, nunha parcela de 9,8 hectáreas de superficie
— A declaración de impacto ambiental é o resultado da consulta a nove organismos interesados e de distintos informes elaborados de xeito rigoroso e exhaustivo polos técnicos de distintos departamentos para garantir a preservación dos valores naturais, paisaxísticos e socioeconómicos existentes na contorna
— O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación do expediente e que a DIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento do proxecto
A Xunta emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto da empresa Granxa Campomayor para a construción dunha explotación de cría de preto de 130.000 pitas na parroquia de Santa María de Puxeda, no concello lucense de Palas de Rei. Non obstante, esa decisión está condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna. A maiores agora estase a traballar na autorización ambiental integrada (AAI) para completar o trámite ambiental.
A resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade -que saíu hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia- refírese á implantación dunha granxa de cría de poliñas con capacidade para 129.360 prazas, para o que se construirán distintos espazos como unha nave, unha esterqueira e outras instalacións auxiliares necesarias para o desenvolvemento da actividade. Os exemplares chegarán a ela cun día de vida e permanecerán alí entre 16 e 18 semanas, momento no que pasarán a outras explotacións de poñedoras, onde iniciarán o seu ciclo de posta.
O proxecto localízase concretamente no lugar da Bragaña, no concello de Palas de Rei, sobre unha parcela de 9,8 hectáreas de superficie constituída como consecuencia da agrupación de arredor dunha trintena de fincas independentes.
A declaración de impacto ambiental do proxecto promovido por Granxa Campomayor é o resultado de distintos informes sectoriais favorables ou favorables condicionados ao seu desenvolvemento e da consulta a nove administracións públicas afectadas ou organismos interesados pola súa posta en marcha. Trátase dunha tramitación exhaustiva, rigorosa e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer no que se inclúen pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable.
Neste sentido, o Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, como órgano substantivo encargado de tramitar o conxunto do proxecto –e dependente da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, que será a encargada de autorizalo en última instancia-, pasará a asumir de novo o expediente unha vez que estea completado o trámite ambiental -pendente de que se emita a autorización ambiental integrada- e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento desas exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como na propia DIA e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto.
Declaración de impacto ambiental
O obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
De feito, calquera proxecto ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das DIA favorables -como é o caso desta para a explotación de cría de pitas- inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto. Entre as obrigas a cumprir recollidas nos informes sectoriais adoitan estar algunhas como as autorizacións previas ao inicio das obras, a realización de estudos adicionais ou a reformulación dalgunhas características do proxecto co fin de facelas compatibles coa protección do medio ambiente.
No caso da iniciativa impulsada Granxa Campomayor, a DIA establece condicións ambientais para a execución do proxecto relacionadas cos ruídos, protección da atmosfera, cheiros, emisións de gases de efecto invernadoiro, protección do solo, das augas, do patrimonio cultural, da flora e da fauna, xestión de residuos, integración paisaxística, optimización enerxética e loita contra o cambio climático, entre outras.
Esta declaración de impacto ambiental favorable, non obstante, non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e desenvolvemento do proxecto.

