- A resolución, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, inclúe condicionantes co fin de minimizar e compensar os posibles impactos que a iniciativa poida ter nos distintos elementos existentes na contorna
- O trámite refírese á implantación dunha fábrica de pasta de papel reciclada, e as súas infraestruturas auxiliares, a partir de papel e cartón recuperado no que era o parque de carbóns da central térmica das Pontes de García Rodríguez
- A declaración de impacto ambiental é o resultado de 18 informes elaborados de xeito rigoroso e exhaustivo polos técnicos de distintos departamentos para garantir a preservación dos valores ambientais, culturais, patrimoniais e socioeconómicos
- O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación do expediente e que a DIA non exime ao promotor da obriga de obter toas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e funcionamento do proxecto
A Xunta emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto que a empresa Biofibras de Galicia -firma dependente de Ence- quere desenvolver no concello das Pontes de García Rodríguez. Non obstante, está condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna. A maiores agora estase a traballar na autorización ambiental integrada (AAI) para completar o trámite ambiental.
A resolución -publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia– refírese á iniciativa empresarial para implantar unha fábrica de pasta de papel reciclada, e as súas infraestruturas auxiliares, co fin de producir pasta branqueada a partir de papel e cartón recuperado ou de residuos de papel e cartón. Estará localizada no que era o parque de carbóns da central térmica das Pontes de García Rodríguez e nela realizaranse dous procesos -a reciclaxe de papel e cartón e a fabricación da pasta de celulosa- para obter unha produción de arredor de 100.000 toneladas ao ano.
A declaración de impacto ambiental do proxecto de Biofibras de Galicia é o resultado de 18 informes sectoriais favorables ou favorables condicionados ao seu desenvolvemento neste concello coruñés. Trátase dunha tramitación exhaustiva, rigorosa e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer no que se inclúen pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable.
Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria -como órgano substantivo, encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia- pasará a asumir de novo o expediente unha vez que estea completado o trámite ambiental -pendente de que se emita a autorización ambiental integrada- e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento desas exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como na propia DIA e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto.
Declaración de impacto ambiental
O obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das DIA favorables -como é o caso do proxecto das Pontes de García Rodríguez- inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto. Entre as obrigas a cumprir recollidas nos informes sectoriais adoitan estar algunhas como as autorizacións previas ao inicio das obras, a realización de estudos adicionais ou a reformulación dalgunhas características do proxecto co fin de facelas compatibles coa protección do medio ambiente.
No caso de Biofibras de Galicia, os distintos departamentos fixan condicionantes para velar pola protección dos espazos naturais existentes na contorna, da flora e da fauna, pola calidade das augas do río Eume, pola saúde pública, pola preservación do patrimonio cultural existente nas proximidades e pola paisaxe, entre outras.
De feito, a DIA establece tanto condicións particulares para o establecemento da fábrica como outras xerais de aplicación a calquera iniciativa deste tipo relacionadas coa protección da atmosfera, a poboación e a saúde, o coidado das augas e leitos fluviais, a preservación do solo e das infraestruturas, a xestión de residuos ou a protección do patrimonio natural, ás que se engade o programa de vixilancia ambiental do proxecto.
Esta declaración de impacto ambiental favorable, non obstante, non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e funcionamento do proxecto.

