A Xunta dá luz verde ambiental ao proxecto para crear un parque e urbanizar unha zona verde no concello de Pontevedra

Redacción
Lectura mínima de 4
  • O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos significativos no ámbito de actuación, pero inclúe condicionantes para introducir melloras nalgunhas cuestións
  • A iniciativa prevé a creación dun espazo dedicado á camelia con sendas e camiños accesibles, a instalación dunha área infantil e a xeración de espazos de socialización comunitaria con zonas de estancia e mobiliario funcional
  • As actuacións previstas centraranse en 13 parcelas que suman preto de 8.300 metros cadrados de superficie entre as rúas Ernesto Caballero e Doutor Loureiro Crespo, limitando tamén coa vía ferroviaria

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Proxecto para a creación dun parque e a urbanización dunha zona verde prevista no plan xeral de ordenación urbana do concello de Pontevedra.

O obxecto é mellorar o valor paisaxístico da zona mediante a creación dun espazo natural dedicado á camelia, no que tamén está previsto instalar un parque infantil, así como a xeración de áreas de encontro e realización de actividades lúdicas a través da habilitación de zonas de estancia no interior do parque, dotadas de mobiliario funcional.

O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra coas condicións incluídas na propia resolución en relación coa protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e dos leitos fluviais; da fauna, vexetación e outros valores naturais; do patrimonio cultural; do solo e das infraestruturas; coa xestión de residuos e coa integración paisaxística e restauración.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada da iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibira ningunha.

Unha vez emitido, o IAE foi remitido ao promotor e ao órgano substantivo (o Concello de Pontevedra en ambos casos) xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e proximamente farase público mediante a publicación do anuncio correspondente tanto no Diario Oficial de Galicia como a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O obxecto deste proxecto é crear un parque dedicado á camelia con sendas e camiños accesibles, a instalación dun parque infantil así como a creación de espazos de socialización comunitaria mediante a disposición de zonas de estancia e mobiliario funcional dentro do parque. As actuacións inclúen o acondicionamento do terreo e labores preparatorios para as pavimentacións, así como a execución da área de xogos, o plantado de especies arbustivas, a sementeira de céspede e a instalación dun sistema de rega automatizada destas zonas verdes.

Os traballos desenvolveranse en 13 parcelas que suman preto de 8.300 metros cadrados de superficie e que se atopan na zona leste da trama urbana da cidade de Pontevedra, nun espazo localizado entre as traseiras das edificacións das rúas Ernesto Caballero e Doutor Loureiro Crespo, limitando tamén coa vía ferroviaria. Trátase dunha zona que actualmente está conformada por predios, algúns deles en estado de abandono total ou parcial, e outros dedicados ao cultivo hortícola e froiteiro.

Comparte este artigo