A Xunta demanda unha maior coordinación entre os organismos públicos de xestión da auga para optimizar os servizos prestados á cidadanía

Redacción
Lectura mínima de 5
  • Ángeles Vázquez destaca a importancia de intensificar a colaboración neste eido para atender mellor as necesidades da poboación e avanzar cara a unha Administración máis áxil, máis dixital e máis preparada para os retos futuros
  • A conselleira pon en valor que a utilización das últimas tecnoloxías contribúe a saber en tempo real o que está pasando en cada punto do sistema detectando fugas, anticipando incidencias e priorizando os investimentos alí onde fan falta
  • O Executivo galego lembra que Augas de Galicia destina este ano máis de 9 M€ a axudas coas que os concellos e outras entidades poden mellorar as redes de abastecemento, saneamento e as contornas fluviais en beneficio dos usuarios finais

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, pediu hoxe unha maior coordinación entre os organismos públicos de xestión da auga co fin de optimizar os servizos prestados á cidadanía, especialmente en comunidades como Galicia, na que interveñen catro organismos de conca (Augas de Galicia e tres confederacións hidrográficas) sobre os recursos hídricos.

A responsable autonómica explicou durante a súa participación na inauguración da xornada Dixitalización e gobernanza da auga. Retos e aprendizaxes desde o público que é importante intensificar a colaboración neste eido para mellorar os servizos públicos e avanzar cara a unha Administración máis dixital, máis áxil e máis preparada para os desafíos do futuro na xestión da auga.

Precisamente neste escenario ten un papel vital a dixitalización, unha ferramenta que contribúe a coñecer en tempo real que está pasando en cada punto do sistema detectando fugas, anticipando incidencias e, sobre todo, priorizar os investimentos alí onde realmente fan falta.

Nesta liña, a conselleira, que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, salientou que a comunidade está a traballar para avanzar neste ámbito con proxectos como Innovaugas 4.0, AugaTech ou Regosat. De feito, a Xunta converteu o que eran proxectos piloto nun sistema dixital integral de mellora da xestión da auga e que fortaleza a sostibilidade dos recursos hídricos.

Neste contexto, estanse instalando estacións de control en continuo, mellorando o sistema de predición de inundacións, dixitalizando o rexistro de Augas de Galicia e creando unha plataforma aberta de datos hídricos accesible para a cidadanía, as empresas e os investigadores.

Ángeles Vázquez puxo en valor que o fin último é ofrecer os mellores servizos ao conxunto da cidadanía e que, por iso, o Executivo autonómico está apoiando aos municipios galegos -especialmente aos máis pequenos- e a outras entidades de xestión da auga tanto técnica como financeiramente para que poidan beneficiarse desta transformación.

Liñas de apoios

Neste sentido, lembrou que este ano Augas de Galicia destina máis de 9,2 millóns de euros a 8 liñas de apoio para mellorar os sistemas de abastecemento e saneamento, así como a protección dos ríos, entre as que se inclúen axudas directas encamiñadas a financiar obras para minimizar fugas nas redes municipais e reducir infiltracións. .

A conselleira incidiu tamén en que hai achegas para a realización de auditorías das redes de saneamento e abastecemento, un traballo de avaliación previa do estado das distintas infraestruturas que é fundamental para detectar posibles deficiencias e determinar as actuacións que son necesarias para corrixilas, contribuíndo así a mellorar a súa eficiencia e o servizo á cidadanía en xeral.

A maiores, destacou que a Xunta conta cunha planificación clara da xestión da auga -froito dun traballo rigoroso e exhaustivo-, algo que é moi necesario nunha comunidade como a galega que concentra a metade das entidades de poboación de España e está moi marcada pola dispersión, o que complica a xestión dos servizos básicos.

Neste sentido, Ángeles Vázquez agradeceu á Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento a organización desta xornada pois permite aos responsables da xestión dos recursos hídricos aproveitar sinerxías e compartir experiencias coas que avanzar nunha óptima prestación de servizos á poboación.

Comparte este artigo