Os participantes, que están no módulo Nelson Mandela de preparación para a vida en liberdade, relatan as súas experiencias e historias como se foran ‘libros abertos’
Un grupo de persoas internas no cárcere da Lama narraron as súas vivencias e compartiron as súas historias, como se foran ‘libros abertos, a través de conversas con outras persoas ou, neste caso, ‘lectores’, dentro da iniciativa Biblioteca Humana do centro de ensinanza de persoas adultas deste equipamento penitenciario. Os participantes foron internos que desenvolven no módulo Nelson Mandela un programa específico de preparación para a liberdade.
A actividade, que tivo lugar o pasado día 21 de abril, estivo coordinada polo Equipo de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos I+B deste centro penitenciario e contou coa colaboración do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), onde tivo lugar o encontro. As persoas internas da Lama que se sumaron proposta compartiron as súas experiencias a través de conversas con outra xente que acudiu á cita. Os primeiros fixeron de ‘libros abertos” e os segundos de ‘lectores’.
A finalidade desta iniciativa foi crear unha ‘biblioteca de empatía’, onde foi posible mergullarse na experiencia doutra persoa e chegar a comprender o porque dos seus feitos sen ter, por iso, que xustificalos. O concepto de Biblioteca Humana foi creado no ano 2000 en Copenhague (Dinamarca) polo xornalista Ronni Abergel, coa intención de crear espazos de diálogo seguros para derrubar barreiras baseadas en prexuízos ou estereotipos.
Esta actuación desenvolvese dentro da operación ‘Itinerarios de Inclusión Social a cargo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. 2026’, cofinanciada pola Unión Europea (UE) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
O Equipo de Inclusión Nelson Mandela, do centro penitenciario da Lama, forma parte da rede de equipos de inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. En total son 20 equipos, 18 equipos comarcais e dous nos cárceres de Teixeiro e A Lama.

