- O conselleiro puxo en valor que se vén de ampliar orzamento desta iniciativa en máis de 468.000 euros, acadando así un investimento total de 6,7 millóns de euros en 2025 e a previsión de beneficiar 685 persoas mozas
- Apuntou que estes contratos inclúen un itinerario formativo específico e que as axudas cobren os custos salariais, cun importe que vai dos 9.975 aos 16.625 euros por contrato, segundo o módulo aplicado
- Destacou o impacto das políticas activas de emprego en prol da mocidade como reflicten os datos do paro de xullo, que rexistran a cifra máis baixa de desemprego de menores 30 anos desde que hai datos, cun descenso interanual de case ao 9 %
- Ademais deste reforzo, a Xunta vén de redistribuír 738.000 euros adicionais ás pemes no marco do programa Investigo, co obxectivo de incrementar a contratación de mozos e mozas como investigadores, tecnólogos, e perfís especializados en I+D+i
- Estas iniciativas enmárcanse na futura Estratexia Mocidade Activa, cun orzamento de máis de 20M€ por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, puxo hoxe en valor o compromiso da Xunta coa mocidade e co impulso da súa empregabilidade a través de programas como Primeira Experiencia Profesional, que vén de ampliar o seu orzamento en máis de 468.000 euros, acadando así un investimento total de 6,7 millóns de euros en 2025 para ampliar o seu impacto.
Fíxoo no marco dunha visita ás instalacións da empresa de seguridade ourensá Di-Seys, beneficiaria deste programa, da que destacou a súa aposta polo talento novo como motor de crecemento e mellora da competitividade.
González salientou a eficacia da iniciativa, que promove a contratación de mozos e mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos de doce meses, facilitando a súa inserción laboral e dotándoos das competencias necesarias para acceder a empregos estables e de calidade. Co reforzo orzamentario, prevese que o programa beneficie a 685 persoas mozas, fronte ás 460 da edición anterior, co obxectivo de reter talento xuvenil en Galicia e dar resposta á crecente demanda de persoal cualificado no tecido empresarial.
O conselleiro apuntou tamén que estes contratos inclúen un itinerario formativo específico, e que as axudas cobren os custos salariais, cun importe que vai dos 9.975 aos 16.625 euros por contrato, segundo o módulo aplicado.
Estratexia global de apoio á mocidade
Ademais deste reforzo, a Xunta vén de redistribuír recentemente 738.000 euros adicionais ás pemes no marco do programa Investigo, co obxectivo de incrementar a contratación de mozos e mozas como investigadores, tecnólogos, persoal técnico e outros perfís especializados no ámbito da I+D+i. Ambos programas forman parte da futura Estratexia Mocidade Activa, que mobilizará máis de 20 millóns de euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Esta folla de ruta autonómica inclúe tamén outras actuacións destinadas a fomentar o emprego xuvenil, como Galicia Emprega Mozos, que conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros en 2025 dentro da convocatoria Galicia Emprega, dotada con 20 millóns e actualmente aberta ata o 30 de setembro; ou os próximos programas de emprego vinculados ao sistema de Garantía Xuvenil, cun investimento de 6,5 millóns de euros, cos que se prevé impulsar a contratación de máis de 350 persoas mozas.
Mínimos históricos de paro
José González destacou que o impacto destas políticas activas de emprego xa se reflicte nos últimos datos do paro. Nun contexto no que Galicia se sitúa no récord histórico de afiliacións á Seguridade Social e en mínimos históricos de desemprego para un mes de xullo, tanto a nivel galego como no caso da provincia de Ourense, que rexistra 13.090 persoas desempregadas, un -7,52 % menos que o ano pasado. Respecto da mocidade, salientou, a comunidade rexistra a cifra máis baixa de persoas menores de 30 anos en paro desde que hai datos, cun descenso interanual próximo ao 9 %.
O conselleiro reafirmou o compromiso da Xunta de seguir acompañando este esforzo, apoiando ás empresas que apostan pola mocidade a través de programas que conecten o talento coa realidade do tecido produtivo galego e que impulsen a creación de emprego de calidade en todo o territorio.