O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta tarde en Ourense nos III Premios de construción sustentable con pizarra, cos que se recoñece ás persoas, estudos e empresas galegas destacadas neste eido
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, gabou hoxe a valía da minería galega, e máis concretamente, do sector da lousa, “que xera industria e emprego alí onde se atopan os recursos e faino cun compromiso cada vez maior co territorio, coa innovación e co medio ambiente”.
Fernández Vila participou en Ourense na entrega dos III Premios de construción sustentable con pizarra, que recoñecen o talento, a innovación e as posibilidades desta industria. “Un material – subliñou – que forma parte da identidade produtiva de Galicia e crea actividade económica competitiva no rural, ofrece oportunidades profesionais e contribúe ao desenvolvemento do territorio”.
O director xeral asegurou a defensa do Goberno galego dunha minería compatible co respecto ao medio ambiente e que “ao mesmo tempo, poida desenvolverse con seguridade xurídica, planificación e visión de futuro”. “Porque a sustentabilidade non consiste en renunciar aos recursos naturais; consiste e aproveitalos ben, con responsabilidade, con eficiencia, xerando valor e procurando que ese valor permaneza no territorio – subliñou – e Iso é tamén o que representa a lousa galega”.
Finalmente, Fernández Vila louvou o traballo que está a desenvolver o Clúster da Pizarra para poñer en valor unha industria que “forma parte do futuro industrial de Galicia e que é apreciado dentro e fóra de Galicia grazas ao coñecemento, traballo e capacidade empresarial acumulados durante décadas”.

