O PP presenta aos construtores de Ourense as medidas de Feijóo para reverter “a peor crise de vivenda da nosa historia”

Redacción

“O 29 de novembro temos a oportunidade de abrir unha nova etapa en España. Fronte ao fracaso das políticas de vivenda de Pedro Sánchez, Alberto Núñez Feijóo representa o cambio que necesitamos os españois”, aseguraron nunha reunión con ACO membros da candidatura do Partido Popular

O candidato do Partido Popular ao Congreso dos Deputados, Celso Delgado, e a candidata ao Senado, Rosa Sánchez Gándara, acompañados pola candidata suplente ao Congreso, Sonia Ogando, mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Construtores de Ourense (ACO) para coñecer de primeira man as principais necesidades do sector, especialmente en materia de seguridade xurídica, falta de man de obra cualificada, investimento público e axilización dos trámites administrativos.

Durante a reunión, os candidatos populares trasladaron as principais propostas do programa electoral de Alberto Núñez Feijóo, cun obxectivo claro: sentar as bases para a construción dun millón de vivendas na próxima lexislatura, incrementar a oferta e facilitar o acceso dos cidadáns a unha casa.

“As políticas de Pedro Sánchez provocaron a peor crise de vivenda da nosa historia. España necesita un cambio urxente para reverter o fracaso dun Goberno que leva anos acumulando anuncios mentres os prezos continúan subindo e miles de familias e mozos atopan cada vez máis dificultades para acceder a unha vivenda”, sinalou Celso Delgado.

Neste sentido, o candidato popular contrapuxo as propostas de Feijóo á xestión do Executivo socialista: “A actuación do Goberno de Sánchez en materia de vivenda resúmese en centos de miles de casas anunciadas, unha lei que dificulta a construción, un teléfono de vivenda e unha aplicación con apenas 800 pisos, o 0,1 % dos que España necesita, e ningún en Madrid ou Barcelona. Fronte a esta política de anuncios, Feijóo presenta un proxecto con medidas concretas para construír máis vivendas e ofrecer solucións reais aos españois”.

Máis vivendas, menos burocracia e maior seguridade xurídica

Os populares explicaron que Feijóo se compromete a aprobar, nos primeiros cen días de goberno, unha nova Lei do Solo que ofreza seguridade xurídica aos plans urbanísticos e a reformar a Lei de Propiedade Horizontal. Ademais, propón simplificar os trámites administrativos, aplicar con carácter xeral o silencio administrativo positivo aos 90 días e impulsar un Plan Residencial Estratéxico que permita reducir de dez a catro anos o tempo necesario para iniciar a construción dunha vivenda.

O programa electoral contempla tamén mobilizar todo o solo público dispoñible para construír vivendas destinadas ao alugueiro a prezos un 30 % inferiores á media do mercado, flexibilizar as operacións de rexeneración urbana e reforzar a colaboración público-privada para incrementar a oferta residencial.

Así mesmo, o PP propón aumentar o financiamento ás comunidades autónomas que faciliten a construción de vivendas e permitir que os concellos que aposten por este obxectivo poidan empregar os seus remanentes sen gastar para impulsar novos proxectos residenciais. A estas medidas súmase a aposta por novas técnicas de construción industrializada que permitan reducir os prazos de execución das obras.

Os candidatos tamén destacaron a importancia de abordar a falta de man de obra cualificada que afecta ao sector e de impulsar os investimentos públicos necesarios para favorecer a actividade económica e a creación de emprego.

“Os mozos terán a maior axuda da historia para comprar unha vivenda”

Outro dos grandes eixos do programa de Feijóo é facilitar o acceso dos mozos á súa primeira vivenda, mediante avais públicos de ata o 100 %, unha redución do 60 % no IVE e no imposto de transmisións patrimoniais, pasando do 10 % ao 4 % para os menores de 40 anos, e a creación dunha Hucha Hogar Joven, unha conta de aforro destinada á compra dunha casa que permitirá deducir as achegas e eximir de tributación os rendementos.

Ademais, o programa contempla bonificacións no imposto sobre a renda dos mozos durante os seus primeiros catro anos de traballo.

“Para Alberto Núñez Feijóo, os mozos son unha prioridade. Por iso, co Partido Popular no Goberno terán a maior axuda da historia para comprar unha vivenda. Un mozo cun salario medio que comece a traballar aos 25 anos e queira comprar a súa casa aos 30 poderá contar con entre 21.000 e 26.000 euros de axuda fiscal e necesitará 50.000 euros menos para formalizar a compra dunha vivenda de 250.000 euros”, explicou Rosa Sánchez Gándara, en referencia ás estimacións do programa electoral.

Medidas para impulsar o alugueiro e protexer os propietarios

O plan de vivenda do PP inclúe tamén deducións fiscais para inquilinos e propietarios con contratos de alugueiro de ata tres anos e actualizacións das rendas por debaixo do IPC, co obxectivo de ofrecer maior estabilidade, reforzar a confianza entre ambas as partes e incrementar a oferta de vivendas en alugueiro.

En materia de seguridade xurídica, Feijóo propón aprobar nos primeiros cen días unha lei contra a ocupación ilegal que permita o desaloxo dos ocupantes ilegais nun prazo de 48 horas, reforzando a protección da propiedade privada. “Esta medida acompáñase do compromiso de apoiar as familias vulnerables e garantir a seguridade dos propietarios”, asegurou Sonia Ogando.

Un plan de vivenda coa implicación das administracións e do sector

Os populares destacaron tamén que Feijóo situará a vivenda como un dos asuntos fundamentais da primeira Conferencia de Presidentes que convoque, coa participación das comunidades autónomas e coa incorporación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), para implicar tamén aos alcaldes na tarefa de facilitar a construción de novas vivendas.

“O 29 de novembro temos a oportunidade de abrir unha nova etapa en España. Fronte ao fracaso das políticas de vivenda de Pedro Sánchez, Alberto Núñez Feijóo representa o cambio que necesitamos os españois”, concluíron os candidatos.

Comparte este artigo