María Quintiana avogou por continuar reforzando o traballo de sensibilización no eido educativo para previr comportamentos machistas no futuro e consolidar os centros como espazos de igualdade
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, sinalou hoxe que é fundamental a implicación da xente nova en favor da igualdade de xénero, o bo trato e a non discriminación. Fíxoo durante unha vista ao IES Plurilingüe Pedra da Auga, onde coñeceu os traballos do alumnado en materia de igualdade de xénero.
María Quintiana destacou a necesidade de continuar co traballo de sensibilización no eido educativo para previr comportamentos machistas no futuro e consolidar os centros como espazos de igualdade. Neste sentido, indicou que é moi satisfactorio comprobar como as novas xeracións están decididas en seguir avanzando na igualdade efectiva entre mulleres e homes e na erradicación da discriminación e da violencia por razóns de xénero.
A directora xeral aproveitou este encontro para informar ao alumnado sobre os recursos da Xunta en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero. Entre outros servizos, referiuse aos Quérote+, servizos formados por profesionais que están sempre dispoñible para atender, informar e acompañar a calquera moza ou mozo que o precise. Así mesmo, explicou que boa parte do traballo dos Quérote+ está centrado na formación con obradoiros en institucións educativas, concellos ou asociacións.
Durante a súa visita, María Quintiana percorreu a exposición de traballos realizados dentro do proxecto ‘Donas de si’ do Plan Proxecta, co que se quere poñer en valor a participación e contribución das mulleres ao desenvolvemento da sociedade galega en ámbitos como o político, o social, o cultural e o artístico, entre outros. Tamén recibiu información sobre o labor que realiza o comité para a defensa dos dereitos do colectivo LGBTI do IES, así como un exemplar da revista do centro, ‘A pedrada’, que contén unha sección titulada ‘Mulleres ocultas’.
Convivencia de Adicam
Por outra banda, a directora xeral de Promoción da Igualdade asistiu á XII Convivencia en Feminino, que a Asociación de persoas afectadas de cancro de mama e xinecolóxico (Adicam) celebra durante esta fin de semana na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán. Arredor de 60 mulleres participan neste encontro anual, compartindo espazos de convivencia, apoio mutuo e benestar.

