— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu hoxe á presentación da cuarta edición da proba, que atravesará as catro provincias galegas do 26 de febreiro ao 2 de marzo e que este ano contará cunha etapa máis que sairá de Portugal
— Diego Calvo incidiu na importancia da organización de probas deste nivel na comunidade polo impacto económico positivo nas localidades que atravesa e polo escaparate turístico que supón para a comunidade
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación da cuarta edición da proba O Gran Camiño 2025. The Historical Route que reunirá centos de ciclistas do 26 de febreiro ao 2 de marzo para desfrutar das etapas nas catro provincias galegas. Ao acto tamén acudiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
O Gran Camiño 2025 contará cunha etapa máis que en anos anteriores, cinco en total. Como noutras edicións, haberá unha etapa por provincia, pero desta volta a etapa inaugural sairá fóra das fronteiras da comunidade. Portugal e o Camiño Portugués serán os anfitrións e protagonistas da primeira etapa. Deste xeito, esta competición servirá para que Galicia reforce os lazos co país veciño que historicamente serviu de trampolín para a proxección dos ciclistas galegos.
O obxectivo é consolidar esta competición do ciclismo profesional mundial -que conta coa colaboración da Xunta a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e da Axencia Turismo de Galicia- e promover que siga actuando como un escaparate turístico da comunidade para atraer máis visitantes co deporte como protagonista.
Ademais, supón un importante revulsivo económico para os concellos que forman parte do percorrido de cada etapa e demostra que “a unión de deporte e turismo é sempre unha combinación ganadora”. Segundo sinalou, o éxito desta proba profesional débese ao seu alto nivel, xa que forma parte da categoría 2 de probas por etapas do calendario da UCI Europe Tour e conta con grandes equipos internacionais.
Por iso, agradeceu ao director xeral da firma de eventos deportivos Emesports e de probas como O Gran Camiño, o exciclista Ezequiel Mosquera, a aposta por un evento desta magnitude en Galicia que na súa cuarta edición xa está “totalmente consolidado”. Nesta liña, incidiu no amplo dispositivo de seguridade necesario para que se poida levar a cabo cada ano, coa participación e colaboración das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias como as agrupacións de voluntarios de Protección Civil.
Tamén sinalou na súa intervención que competicións como esta axudan a fomentar a afección polo ciclismo e animan ás xeracións máis novas a practicar deporte.
O percorrido comeza o 26 de febreiro coa etapa en Portugal seguindo os camiños de Santiago nunha ruta con inicio e final no Distrito de Porto, en concreto entre as localidades de Maia e Matosinhos.
Ao día seguinte, o pelotón realizará o Camiño de Pontevedra desde Marín ata A Estrada percorrendo as Rías Baixas e o interior da provincia. O venres, no ecuador da proba o pelotón recalará na provincia de Ourense para protagonizar a contrarreloxo entre a cidade ourensá e O Pereiro de Aguiar. Na fin de semana, o Camiño de Lugo contará cun percorrido que arrincará na Pobra do Brollón ata Pedrafita do Cebreiro, na entrada do Camiño Francés en Galicia. A cuarta edición finalizará o domingo, 2 de marzo, cunha etapa entre a localidade coruñesa de Betanzos e meta en Santiago de Compostela, punto final tamén das etapas dos milleiros de peregrinos que cada ano camiñan a Galicia.