- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na presentación dos actos conmemorativos do 120 aniversario da entidade
- Diego Calvo subliñou o intenso traballo formativo que permitiu converter o club en xerme de campións olímpicos e paralímpicos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado por Ana Ortiz, delegada territorial da Xunta en Vigo, participou hoxe na presentación das actividades conmemorativos do 120 aniversario do Real Club Náutico de Vigo, acto no que destacou a relevancia desta entidade como referente deportivo e social da cidade olívica. O evento serviu tamén para dar a coñecer as liñas mestras do plan estratéxico que guiará o club nos próximos anos.
Durante a súa intervención, e ademais de salientar o papel dinamizador do Real Club Náutico de Vigo na vida da cidade, Diego Calvo fixo fincapé no intenso traballo formativo que a entidade desenvolveu ao longo do tempo con varias xeracións de nenas e nenos. Este traballo, salientou o conselleiro, permitiulle ser xerme de destacados deportistas olímpicos e paralímpicos. Son os casos, entre outros, de Támara Echegoyen, ouro en vela en Londres 2012; Nicolás Rodríguez, bronce en vela Tokio 2021; ou Martín de la Puente, bronce nos dobres de tenis en cadeira de rodas en París 2024.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes transmitiulle ao club os seus parabéns por estas doce décadas de historia e recordou que 2026 será un ano moi especial no que numerosos actos contribuirán a estreitar os vínculos do Náutico tanto coa cidadanía olívica como co deporte galego.

