O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, trasladou o compromiso do Goberno galego de ofrecer unha atención integral e desde a infancia ata a vida adulta no ámbito da discapacidade
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na celebración do 20 aniversario da Asociación Galega de Asperger (Asperga), onde puxo en valor o compromiso desta entidade por prestar unha atención moderna, integral e centrada nas persoas.
A xornada, que se celebra baixo o lema 20 anos, 20 pegadas. Un camiño compartido, ten como obxectivo ser un espazo de encontro, reflexión e recoñecemento á traxectoria da entidade. Nela, recolléronse testemuñas sobre o presente e futuro das persoas autistas, a inclusión social, educativa e laboral, a vida adulta, a autonomía persoal e sobre modelos de apoio especializados, flexibles e centrados na persoa.
Na súa intervención, o director xeral trasladou o compromiso da Xunta de ofrecer unha atención integral e desde a infancia ata a vida adulta no ámbito da discapacidade. Como exemplos puxo a rede de atención temperá, que permite detectar problemas de desenvolvemento en nenos ata os seis anos; un sistema educativo inclusivo, que conta con protocolos de actuación e asesoramento para o profesorado ou a cada vez maior oferta de prazas de emprego público reservadas á discapacidade, así como os programas específicos de promoción de emprego.
Tamén destacou o acompañamento na vida diaria, con pictogramas e mecanismos visuais que lles permitan ter autonomía no acceso a servizos.
Por último, Jacobo Rey puxo en valor a colaboración do Goberno galego con Asperga, que recentemente se materializou na posta en marcha do seu novo centro de atención e para o que a asociación contou cunha achega da Xunta de 200.000 euros con cargo ao 0,7% do IRPF destinados á compra e reforma do inmoble. A esta contía, engádense outros 50.000 euros para a compra dun vehículo para o persoal e usuarios da entidade.

