- O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración reúnese con distintas entidades da colectividade galega en São Paulo e Santos coincidindo coa nova edición das feiras de emprego impulsadas polo Goberno galego en São Paulo e Salvador de Bahía
- As xuntanzas foron con membros da Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de São Paulo, do Centro Español y Repatriación de Santos e da Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos
- González tamén se reunirá coa directiva da Sociedade Hispano Brasileira de São Paulo manifestando a todas estas entidades o apoio do Goberno galego no seu labor de asistencia á cidadanía galega e de difusión a identidade de Galicia no Brasil
São Paulo (Brasil), 6 de xuño de 2026.- O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reúnese estes días en São Paulo e Santos con representantes de distintas entidades da colectividade galega que realizan un importante labor socioasistencial das persoas galegas da terceira idade residentes no Brasil. Trátase de encontros que teñen lugar coincidindo coa nova edición das feiras de emprego no exterior, que este ano o Goberno galego impulsa en São Paulo e Salvador de Bahía.
No marco destas xuntanzas con membros da Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de São Paulo, do Centro Español y Repatriación de Santos e da Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos, González puxo de relevo as funcións que desempeñan na atención ás persoas maiores galegas para as que contan co apoio da Xunta. Ademais, expuxo que son memoria viva da emigración e das pontes construídas polos maiores galegos entre Galicia e O Brasil.
De feito, a Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de São Paulo —fundada nos anos 80— conta con centro de día e residencia para os servizos preventivos, sanitarios e asistenciais que ofrece, orientados a garantir unha atención digna e unha lonxevidade saudable ás persoas usuarias. En canto ao Centro Español y Repatriación de Santos —xurdido no 1895— é unha das asociacións españolas máis antigas do Brasil, que naceu inicialmente para prestar apoio a inmigrantes españois no país e que funciona como centro social e cultural da comunidade española da rexión e en particular a galega.
Ademais, a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos, nace nos anos 80 co fin de ofrecer asistencia sociosanitaria e comunitaria aos emigrantes e aos seus descendentes. Tamén se dedica á asistencia das persoas maiores, para o que conta cun centro de día e residencia e ten un importante papel na preservación da cultura galega.
Hoxe o conselleiro tamén se reunirá coa directiva da Sociedade Hispano Brasileira-Casa de Espanha de São Paulo, unha entidade cun papel destacado na preservación da cultura e tradicións galegas nesta zona. Neste sentido, José González subliñou que todas estas entidades tamén son puntos de encontro fundamentais para transmitir a idiosincrasia galega ás novas xeracións e reflicten o saber facer da emigración galega na creación de estruturas de apoio.
Colaboración do Goberno galego
Estas xuntanzas enmárcanse na colaboración que o Goberno galego mantén con estas entidades a prol da asistencia da comunidade galega no Brasil, de fortalecer os vínculos con Galicia e de garantir que a identidade galega siga viva nas novas xeracións. Un apoio, manifestou o conselleiro, que é clave en aspectos como o de garantir unha atención digna ás persoas maiores que o precisan. A elas sumaranse outras reunións mañá e o luns con entidades vencelladas coa colectividade galega en Salvador de Bahía e co cónsul xeral de España en Salvador de Bahía, Ignacio Pérez.

