HomeXunta de GaliciaA Xunta destaca o avance na implantación da nova Oficina Xudicial na...

A Xunta destaca o avance na implantación da nova Oficina Xudicial na Comunidade

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes intervén nas ‘Xornadas de Letrados de Administración de Xustiza de Galicia 2025’, na que se abordan distintos aspectos da posta en marcha da Lei estatal de eficiencia xudicial
  • Diego Calvo lembra o impacto económico da reforma estatal, que non estivo acompañada do orzamento preciso por parte do Goberno central para afrontar os custos derivados dela como os cambios na organización do persoal e na adaptación ao novo modelo das sedes xudiciais e dos sistemas tecnolóxicos
  • A Xunta puxo en marcha a fase I en 38 dos 45 partidos xudiciais da comunidade cumprindo o prazo establecido polo Executivo estatal e prevé facelo tamén coa fase III, correspondente ás sete grandes cidades e que ten como límite o 31 de decembro

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe nas Xornadas de Letrados da Administracion de Xustiza de Galicia 2025, onde puxo en valor o papel esencial deste colectivo para garantir a legalidade dos procedementos. Destacou tamén a importancia da formación continua deste colectivo a través dos colexios profesionais e asociacións de letrados, do mesmo xeito que ocorre cos colexios de avogados e procuradores.

Os dous días de xornada centráronse nas consecuencias, desde distintas vertentes, do novo modelo de oficina xudicial derivado da Lei orgánica de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza. Nesta liña, o conselleiro incidiu en que Galicia avanza cumprindo os prazos pese a que se trata dunha norma estatal, que non vén acompañada do orzamento necesario do Goberno central para a súa implantación. Isto
-aclarou- supón asumir os custos da reorganización do persoal, o acondicionamento de espazos, a dotación de mobiliario e medios tecnolóxicos e as accións formativas específicas para o persoal xudicial.

A Administración autonómica estima un custo de 3,3 millóns de euros para a dixitalización das oficinas, dos que a Galicia só se transferiron máis de 1,1 millóns de fondos. Ademais, no que se refire á reorganización física dos tribunais e o resto de custos, moitos deles continuos no tempo, estímase por enriba dos cinco millóns de euros e só con orzamentos autonómicos sen dotación económica por parte do Ministerio de Xustiza. 

Cómpre lembrar que o pasado 1 de xullo xa rematou a posta en marcha da fase I da normativa en 38 partidos xudiciais dos 45 existentes en Galicia. Xunto coa creación das oficinas xudiciais, nos concellos sen sede dun tribunal de instancia creáronse oficinas de xustiza no municipio que substitúen aos antigos xulgados de paz. Son un total de 268 oficinas que asumen a asistencia a xuíz de paz e colaboran co Rexistro Civil, ademais de realizar outras funcións administrativas e prestar unha atención máis próxima á cidadanía.

Actualmente a Xunta traballa na fase III correspondente ás sete cidades, cuxo prazo finaliza o 31 de decembro. De feito, ao igual que na primeira fase, o Goberno galego levou a cabo un proceso de diálogo cos sindicatos, secretarios de goberno, xuíces, maxistrados, a Fiscalía Superior de Galicia e as entidades representativas dos letrados da Administración de Xustiza, co obxectivo de garantir unha transición eficaz.

Galicia foi a primeira comunidade autónoma na publicación, a comezos deste mes, das relacións dos postos de traballo desta  fase III para as sedes xudiciais das sete grandes cidades co obxectivo de avanzar na reorganización do persoal, espazos, sinalización e dotación de medios tecnolóxicos. A estas medidas súmanse xornadas divulgativas coma estas, sesións formativas e acompañamentos presenciais para facilitar o manexo das novas ferramentas tecnolóxicas. Nesta fase, os actuais xulgados galegos transformaranse en seccións dos tribunais de instancia.

Nestas xornadas abordáronse ademais os cambios procesuais asociados á Lei de eficiencia xudicial, entre eles o impulso dos métodos adecuados de solución de controversias ou o cambio na Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta. Neste senso, o conselleiro de Xustiza destacou o compromiso do Goberno galego coa mediación intraxudicial e tamén coa ampliación do dereito á asistencia xurídica gratuíta, xa que, pese a tratarse dunha regulación estatal con repercusión nas comunidades con competencias transferidas en Xustiza, a Xunta compensa a avogados e procuradores pola asistencia xurídica gratuíta. Isto sitúa a Galicia entre as comunidades con baremos máis elevados, maior axilidade no pagamento e máis melloras incorporadas.

Por último, o conselleiro agradeceu aos profesionais da Administración de xustiza ou seu esforzo e estar “á altura deste desafío”.

Publicacións Relacionadas