- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na inauguración da ‘XVII Escola de Verán do Poder Xudicial’, onde lembrou que hoxe mesmo remata o prazo para a posta en marcha da norma en 38 dos 45 partidos xudiciais de comunidade, todos agás os das sete cidades
- Incidiu no traballo levado a cabo polo Goberno no que se refire á publicación da actualización dos modelos de referencia das oficinas xudiciais e da relación de postos de traballo, así como a adaptación das instalación e a dotación de equipamento e medios tecnolóxicos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración da XXV Escola de Verán do Poder Xudicial, no Pazo de Mariñán, onde destacou este foro como unha cita consolidada no panorama xudicial nacional e como punto de encontro para a formación de membros da carreira xudicial de toda España.
Na edición deste ano abordaranse ata este venres os retos da Lei orgánica de Eficiencia do Servizo Público da Xustiza. Na súa intervención, Diego Calvo incidiu no especial esforzo que supuxo para a Administración autonómica a implantación desta norma que, no caso de Galicia, culminou hoxe mesmo a súa implantación na primeira fase en 38 dos 45 partidos xudiciais da comunidade, todos agás os das sete cidades galegas, que teñen de prazo ata o 31 de decembro.
A lei -engadiu- representa “un profundo cambio estrutural e económico” e a Xunta cumpriu coa súa aplicación, pese a que a norma non viu acompañada da transferencia económica correspondente por parte do Executivo estatal para os custos tecnolóxicos derivados de adaptar as instalacións e equipalas con aplicacións informáticas ou do cambio de competencias dalgún persoal. Así, nese obxectivo para poder cumprir os prazos, a Xunta xa publicara o pasado maio as distintas resolucións polas que se aproban o deseño e estrutura organizativa das oficinas xudiciais e as relacións de postos de traballo dos rexistros civís, das oficinas de xustiza e das oficinas de xustiza nos municipios.
Un dos retos desta adaptación, como lembrou o conselleiro, ten que ver coa transformación dos 268 xulgados da comunidade en oficinas de xustiza nos municipios, que amplían a súa actividade para facilitar unha maior proximidade á cidadanía e dispoñer de servizos en todo o territorio, especialmente no rural para evitar o despoboamento, achegando os servizos públicos á veciñanza do propio concello e da área de influencia.
Por outra parte, Diego Calvo referiuse á folga de xuíces e fiscais que comeza hoxe para exixir a retirada dos proxectos de lei para modificar o acceso ás carreiras no ámbito xudicial e fiscal, así como o anteproxecto do Estatuto orgánico do Ministerio Fiscal. Canto a estas reformas, aclarou que a Xunta tamén as rexeita por considerar que “comprometen a independencia e a imparcialidade da xustiza”. Por iso, o Goberno galego reclama a súa retirada por falta de consenso e crear unha mesa de diálogo entre o Ministerio de Xustiza, comunidades e asociacións profesionais para consensuar este tipo de reformas.
No que se refire á creación de unidades xudiciais, o conselleiro explicou que Galicia acepta todas as que concede o Goberno central, se ben criticou que este ano a comunidade non puido arrincar con novos xulgados, e das prazas de Violencia sobre a Muller posteriormente anunciadas, pretendíase que no caso da Coruña e Vigo se puxeran en marcha a costa de eliminar outras de instrución.
Polo que compete ás funcións da Administración autonómica, lembrou que a Xunta está a traballar por unha Administración de Xustiza moderna, accesible e eficaz, tanto desde o punto de vista da dotación de infraestruturas xudiciais como na posta en marcha de novas tecnoloxías.
Por outra banda, previamente á inauguración da Escola de Verán, o conselleiro asinou xunto co presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González Formoso, o convenio de colaboración a través do que ambas as institucións contribúen ao desenvolvemento desta Escola de Verán.
Tamén participaron no acto posterior desta edición da Escola de Verán, ademais do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, o presidente da Fiscalía Superior de Galicia, Fernando Suanzes, e o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.