HomeXunta de GaliciaA Xunta destaca o liderado de Galicia nos eventos de fútbol base...

A Xunta destaca o liderado de Galicia nos eventos de fútbol base na presentación do VI Torneo Internacional MS2 Cup de Michel Salgado

- Anuncio -spot_img
  • O secretario xeral para o Deporte apunta que de 100.000 licenzas deportivas coas que conta a Real Federación Galega de Fútbol, case o 50% son de nenos e nenas entre 6 e 16 anos inscritos no Programa Xogade
  • A delegada da Xunta en Vigo sinala a importancia de que Vigo siga acollendo eventos tan importantes como o Torneo Internacional Michel Salgado e agradece ao ex futbolista a súa aposta pola cidade olívica

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou esta mañá  a VI edición do Torneo Internacional MS2 Cup organizado polo ex futbolista Michel Salgado que terá lugar na cidade deportiva da Madroa do 6 ao 15 de xuño e que ofrecerá competicións sub 19, sub 16 e sub 14 de fútbol 11; sub 12, sub 10 e sub 8 de fútbol 8; así como o partido de fútbol inclusivo entre o Celta Integra e o Deportivo Genuine.

Lete Lasa destacou a carreira do que foi “o mellor lateral dereito de España” e algúns dos fitos máis salientables como as Champions League de 2000 e 2002 co Real Madrid. O secretario xeral, dixo, que estes éxitos son o mellor exemplo para os cativos de que “con esforzo e traballo todo se pode conseguir”. Neste sentido, apuntou que, das máis de 100.000 licenzas deportivas coas que conta a Real Federación Galega de Fútbol, case o 50% son de nenos e nenas entre 6 e 16 anos inscritos no Programa Xogade da Xunta que sufraga o seu seguro deportivo. No que respecta ao deporte adaptado, o mandatario galego subliñou a importancia da inclusión e da “visibilidade das persoas con diversidade que fan deporte para que estean ao mesmo nivel que todos os demais”. Deste xeito lembrou o pulo da Xunta que, dende 2004, igualou as bolsas para deportistas con e sen discapacidade sendo pioneira neste ámbito.

O secretario xeral asegurou que Galicia é líder na organización de eventos de fútbol base tanto no eido nacional como internacional como demostran cada verán o Arousa Fútbol 7, o Torneo Internacional Congalsa, a Copa Ribadumia ou a propia MS2 Cup.

Pola súa banda, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, sinalou a importancia de que Vigo siga acollendo eventos tan importantes como o Torneo Internacional Michel Salgado e agradeceu ao ex futbolista a súa aposta pola cidade olívica. “O fomento do deporte base e os valores de compañeirismo, esforzo, traballo, respecto e superación quedan inexorablemente unidos á cidade de Vigo a través dun torneo que xa é referente internacional”, dixo.

Publicacións Relacionadas