- A directora xeral de Mobilidade abordou no Parlamento as claves deste sistema, que, segundo afirmou, espertou o interese doutras comunidades autónomas
- Neste curso máis de 43.000 estudantes de case medio milleiro de centros educativos usan o servizo integrado
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, abordou hoxe no Parlamento o funcionamento do transporte escolar compartido, que neste curso move máis de 43.000 estudantes de case medio milleiro de centros educativos. Para Fontela, este sistema integrado é unha fortaleza da mobilidade galega pola súa eficacia e eficiencia, e mesmo espertou o interese doutras comunidades autónomas para aplicalo nos seus territorios.
Segundo sinalou, cada vez máis usuarios xerais optan por este transporte, que, ademais de achegar a rede de autobús a un elevadísimo número de núcleos de poboación, faino en horarios de moita mobilidade. “Facilítanselle así á cidadanía os desprazamentos para realizar xestións e para acudir a postos de traballo, á asistencia sanitaria ou ao ensino, entre outros”, apuntou. De feito, o ano pasado case un millón de usuarios xerais viaxaron no transporte compartido.
Judit Fontela referiuse tamén a este servizo como “peza esencial no modelo do Plan de Transporte Público de Galicia, no que supuxo o incremento de 2.200 liñas, máis de 21.000 paradas e suma máis de 700.000 circulacións anuais”. A directora xeral salientou o esforzo de xestión e orzamentario que realiza cada ano a Xunta para optimizalo de acordo coas novas necesidades: só neste curso incorporáronse preto de 500 paradas e o investimento superou os 15 millóns de euros.
Incidiu ademais no traballo de seguimento diario para coñecer as incidencias ou desaxustes que se produzan e buscarlles unha rápida solución. O control da calidade do sistema complétase con traballos de campo que inclúen enquisas aos centros educativos e observación directa. “A través deles comprobamos que, con carácter xeral, os case 4.000 servizos integrados que se prestan a diario funcionan axeitadamente”, engadiu.
Melloras no próximo curso
Neste labor de mellora continua, Judit Fontela avanzou que, de cara ao novo curso, estanse a estudar medidas para “ofrecer un servizo nas mellores condicións”. Entre os obxectivos está facilitarlle o transporte ao alumnado de ensino non obrigatorio, que non ten dereito a praza no transporte escolar, adaptando as liñas de uso xeral ás súas necesidades. Con respecto a este colectivo, a directora xeral lembrou que tamén poden viaxar de balde grazas á Tarxeta Xente Nova.
A maiores, segundo anunciou, no próximo curso realizarase unha nova integración de liñas que forman parte do transporte escolar de uso especial, no marco da revisión dos contratos de transporte escolar dos que se está a ultimar a licitación. “Trátase dunha ducia de rutas que teñen encaixe no transporte interurbano e que permitirán ampliar a oferta de autobús compartido”, afirmou.