- Este investimento permitirá manter en funcionamento as máis de 50 unidades existentes e crear oito novas
- Fabiola García sinalou que hoxe en Galicia a maioría das familias teñen un recurso deste tipo preto dos seus domicilios
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou hoxe que en vindeiras datas se convocará unha nova orde de axudas aos concellos para o mantemento e creación de novas unidades de atención temperá, cun orzamento de 18,4 millóns de euros para o período 2026-2028. Fíxoo na inauguración do Congreso polo Día da Atención Temperá Medrando en familia: como apoiar o desenvolvemento infantil, que reuniu no Pazo Besada de Poio a arredor dun centenar de persoas, entre profesionais e familiares.
Fabiola García explicou que esta nova liña de financiamento permitirá blindar a actual Rede galega de Atención Temperá e crear oito unidades máis. Ao respecto, destacou que “hoxe en Galicia a maioría das familias teñen próximo aos seus domicilios un destes recursos públicos”, que son fundamentais para detectar, previr e actuar ante posibles problemas de desenvolvemento nos primeiros anos de vida.
Así mesmo, a conselleira lembrou que a implantación destes servizos é relativamente recente, posto que no 2009 só había dúas unidades que daban cobertura a 15 concellos polas máis de 50 en funcionamento na actualidade, que prestan atención a 200 municipios e a máis de 6.000 familias.
Fabiola García destacou o compromiso dos profesionais, dos concellos e da Xunta por procurar un desenvolvemento máis harmonioso e mellores oportunidades para o futuro dos nenos. Un obxectivo para o que, tal e como afirmou, as unidades de atención temperá “son aliadas fundamentais, xa que axudan a resolver as dúbidas, as incertezas e os medos que se lles presentan aos pais ante posibles problemas no desenvolvemento dos seus fillos”.

