- O Goberno galego executará os traballos, mentres que o Concello porá os terreos a disposición e se encargará do mantemento e conservación posterior das instalacións
- Tras impulsar os primeiros parques caninos urbanos en cidades galegas, a Consellería inicia agora unha segunda fase desta iniciativa estendéndoa tamén a concellos de menor tamaño pero co mesmo compromiso co benestar animal
- Ángeles Vázquez salienta a importancia cada vez maior que lle dá a cidadanía a este tipo de dotacións e recorda que no caso concreto de Oroso hai 2.188 cans inscritos, o que supón 1,4 exemplares por cada 5 veciños do termo municipal
A Xunta de Galicia destinará preto de 50.000 euros ao acondicionamento e ampliación do parque canino municipal de Oroso, localizado na zona de Porto Avieira e que grazas a este investimento modernizará as súas actuais instalacións e incorporará novos elementos para reforzar a seguridade e o benestar dos animais así como a funcionalidade do espazo.
Así o acordaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Oroso, Alexánder Doval, que asinaron o protocolo de colaboración en virtude do cal ambas administracións se comprometen a executar a mellora integral do parque existente no municipio.
Así, o departamento autonómico asumirá o custo íntegro da actuación e encargarase de licitar e executar os traballos, mentres que o Concello porá á disposición e libres de cargas os terreos necesarios para acometer as melloras e a ampliación previstas, ademais de facerse cargo do posterior mantemento e conservación das instalacións, unha vez rematada a intervención.
En canto ás características do futuro parque, mellorarase o peche perimetral e outros elementos de seguridade e equiparase con papeleiras especiais e dispensadores de bolsas hixiénicas para recoller as deposicións, fontes de auga adaptadas para cans, área de xogo con obstáculos e ramplas para facilitar o exercicio. Ademais, ampliarase a superficie das instalacións dos actuais 950 m2 a uns 1.100 m2 e instalaranse bancos, vexetación e árbores co fin de garantir zonas de sombra para as persoas usuarias.
Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou a importancia cada vez maior que ten para a cidadanía poder dispoñer nos seus propios municipios deste tipo de espazos dotacionais, ben equipados, amplos e deseñados para favorecer o exercicio, o xogo e a socialización dos seus animais de compañía, con liberdade e sen necesidade de correas ou bozos.
Para cubrir estas necesidades, lembrou que o ano pasado o seu departamento puxo en marcha unha iniciativa para promover da man dos concellos a construción de parques caninos nas grandes cidades galegas, que concentran máis do 20% dos case 740.000 cans inscritos no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac).
Tras salientar que ata o momento a Xunta xa asinou protocolos de colaboración cos concellos de Ferrol, Ourense, Pontevedra e Lugo con este fin, a responsable autonómica explicou que o acordo con Oroso se enmarca nunha nova fase da iniciativa, aberta tamén agora a municipios de menor tamaño e igualmente comprometidos co benestar dos animais de compañía.
Ao respecto, explicou que Oroso —con 2.888 cans inscritos actualmente no Regiac, é dicir, 1,4 cans por cada 5 veciños— foi un dos primeiros concellos en amosar formalmente o seu interese en participar no programa e hoxe convértese no quinto municipio galego que acada o compromiso de colaboración da Xunta neste eido.
Outras accións de benestar animal
Ademais de seguir impulsando a mellora ou creación de parques caninos da man dos concellos, en 2026 a Xunta tamén dará outro paso importante en materia de benestar animal. Así, nos vindeiros meses comezarán as obras do Centro de Protección Animal de Galicia, en Curtis, o primeiro de carácter autonómico e baixo a titularidade do Goberno galego, que terá un custo de 4,5 millóns de euros e dará servizo a uns 500 animais.
Do mesmo xeito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén convocou este ano por un importe global de 1,36 millóns de euros tres liñas de axudas tanto para concellos e entidades que se ocupan de atender e coidar aos animais de compañía abandonados; como para particulares dispostos a adoptar un can ou un gato.

