O Hospital Provincial de Pontevedra acolle a exposición itinerante de carteis escolares sobre doazón e transplantes de órganos

Redacción
  • –      A mostra reúne no vestíbulo principal do centro pontevedrés os traballos de alumnado de Educación Primaria e Secundaria participante no oitavo certame escolar para promover a solidariedade e a concienciación social
  • –      O acto inaugural contou coa participación de responsables da Área Sanitaria, da Deputación Provincial, da Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra, da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo -ADROVI- e das asociacións ASAMPO e ALCER, entre outros asistentes
  • Pontevedra, xoves 22 de setembro de 2026.- O vestíbulo principal do Hospital Provincial de Pontevedra acolleu a inauguración da oitava edición da exposición itinerante de carteis sobre doazón e transplante de órganos, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo -ADROVI- en colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue -ADOS- xunto coas Consellerías de Sanidade e de Educación da Xunta de Galicia, que busca achegar a realidade dos transplantes á poboación escolar, xunto cos beneficios do fomento da doazón de sangue e órganos.

Esta mostra itinerante recolle debuxos e carteis orixinais deseñados por escolares galegos de Educación Primaria e Secundaria no marco dun certame anual que se convoca para fomentar nas aulas valores de xenerosidade, empatía e concienciación social arredor da importancia vital de doar órganos e tecidos.

A través destas creacións artísticas, o alumnado reflicte a súa visión sobre a doazón coma un xesto altruísta capaz de salvar vidas e mellorar a calidade de vida de moitas persoas. Coa súa instalación hoxe no Hospital Provincial, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e ADROVI achegan esta mensaxe sensibilizadora tanto aos profesionais sanitarios coma aos usuarios e doentes que acoden diariamente ao centro hospitalario.

  •  
  • O acto foi inaugurado hoxe no centro sanitario pontevedrés polo xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, quen estivo acompañado pola tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Villaverde, a deputada de Benestar Social e Igualdade da Deputación Provincial pontevedresa, Paula Bouzós, a directora territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra, Dolores Bazán e polo presidente da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo -ADROVI-, Celso García, receptor dun órgano que promove esta iniciativa na que cada ano participan centos de alumnos galegos dos niveis de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria -ESO-.
  •  
  • Todos eles estiveron acompañados neste evento por representantes das asociacións ASAMPO e ALCER, pola directora asistencial da Área Sanitaria, Yolanda Sanduende e polo coordinador de Transplantes do CHUP pontevedrés, o doutor Ignacio Cenoz, entre outros asistentes.
  •  
  •  
  •  
  • Esta exposición -que conmemora este ano a súa oitava convocatoria e que está a visitar varios hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde- contou coa participación de alumnado e profesorado do Colexio Sagrado Corazón Jesuitinas de Pontevedra.
  •  
  • Precisamente, no transcurso da inauguración fíxose entrega de agasallos honoríficos ás alumnas deste centro educativo capitalino Noa Trabazo García –primeiro premio, co cartel “Doa, fai sorrir e regala un novo comezo” e Aroa Rodiño Barreiro -accésit, co cartel “Que flúa a vida”- e Alba Díaz Rubianes –co cartel “Ti tamén podes ser o supreheroe de alguén”-.
  •  
  • Conciencia social sensibilizando
  • O presidente de ADROVI, Celso García Estévez, xunto co resto de responsables locais, provinciais e sanitarios intervintes neste acto, salientaron a importancia de seguir traballando na sensibilización das persoas máis novas para crear unha conciencia social favorable ao xesto solidario da doazón e os transplantes “esta exposición constitúe unha oportunidade para recoñecer o compromiso da mocidade coa promoción da cultura da doazón e para poñer en valor o labor dos centros educativos na sensibilización dan sociedade sobre a importancia de doar vida” sinalaron.
  •  
  • Así mesmo, púxose en valor o traballo desenvolto nos últimos anos en Galicia pola Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue -ADOS- e de todos os integrantes da comunidade educativa galega.
  •  
  • Durante o acto de hoxe no Hospital Provincial, lembrouse que todo o traballo de fomento da doazón de órganos, xunto co esforzo do SERGAS e a xenerosidade cidadá permitiron que Galicia batera en 2025 o seu propio récord, con 429 transplantes e 143 doadores de órganos, beneficiando a 420 pacientes. Deses 429 trasplantes, 229 foron de ril, dos que 22 procedían de doadores vivos; 116 de fígado; 7 de páncreas; 26 de corazón e 51 de pulmón. En canto á doazón de tecidos, en 2025 contouse con 211 doadores de córneas, 64 de ósos e 36 de segmentos vasculares.
  •  
  • Presentación dun calendario cos carteis dos concursos
  • Durante o acto inaugural da exposición itinerante do VIII Concurso de Carteis para Escolares relacionado coa Doazón e os Transplantes presentouse tamén un calendario cos carteis dos concursos escolares, maquetado por ADROVI e impreso pola Deputación Provincial de Pontevedra.
  •  
  • Na presente edición da oitava exposición itinerante de carteis sobre doazón e transplante de órganos participaron en toda a Comunidade Autónoma 230 escolares de 119 centros educativos galegos procedentes de 15 concellos na modalidade de carteis. Ademais, ao certame de curtametraxes, presentáronse 25 traballos realizados por 62 estudantes de 12 centros educativos radicados en 10 municipios galegos.
Comparte este artigo