A entidade traslada a inquedanza dos produtores tras a inclusión do visón americano entre as especies exóticas invasoras preocupantes para a UE e a conselleira salienta o grao de cumprimento deste tipo de granxas desde o punto de vista ambiental
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse recentemente co presidente da Asociación Galega de Criadores de Visón (Agavi), Manuel García, para analizar os posibles efectos que terá para o sector en Galicia o cambio regulamentario aprobado pola Comisión Europea o pasado mes de xullo e que supón a inclusión do visón americano na listaxe de especies exóticas invasoras preocupantes para a UE.
Tras lembrar que a práctica totalidade das granxas dedicadas á produción de visóns de toda España están localizadas na Comunidade galega, Manuel García trasladoulle á conselleira a inquedanza compartida tanto por produtores como por empresarios e outros profesionais directamente relacionados con este sector ante as consecuencias que terá a decisión comunitaria para o futuro da súa actividade.
Neste sentido, cómpre indicar que a modificación do regulamento europeo que actualiza a relación de especies exóticas invasoras establece unha moratoria no caso do visón americano ata o 7 de agosto de 2027. Transcorridos eses dous anos, por tanto, quedará prohibida toda actividade económica e comercial relacionada con este animal.
A conselleira, que estivo acompañada durante a reunión pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, comprometeuse pola súa parte a estudar a situación con detalle así como o contido do novo regulamento comunitario.
En calquera caso, lembrou que unha das súas principais competencias é velar pola conservación da biodiversidade e nese sentido, salientou que as granxas de visóns existentes en Galicia están sometidas a exhaustivos controis e cumpren cos requisitos e exixencias legalmente previstos tanto a nivel preventivo como de seguridade.