A institución desta data é unha forma de recoñecer o legado histórico do primeiro protocolo de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal en 1991, con resultados concretos que benefician a 6,2 millóns de habitantes desta Eurorrexión
A Xunta e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-NORTE) celebran a conmemoración oficial do Día da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, coa publicación dunha Declaración Institucional conxunta, establecendo o día de hoxe, 31 de outubro, como unha data histórica para a cooperación transfronteiriza entre España e Portugal.
A elección desta data evoca o 31 de outubro de 1991, cando, na cidade do Porto, se asinou o Protocolo Constitutivo da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal, o primeiro acordo formal de cooperación territorial na fronteira luso-española. Aquel acto marcou o inicio dunha nova etapa de articulación política, institucional e social entre dous territorios unidos por unha identidade compartida, desafíos comúns e unha visión conxunta de futuro.
Máis de tres décadas despois, o camiño percorrido demostra o valor daquela visión fundacional e a necesidade da creación da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), con sede en Vigo, que reforzou a súa capacidade executiva, elevándoa a un novo nivel de coordinación, eficacia e proxección internacional. Ao longo dos anos, numerosos proxectos conxuntos teñen contribuído ao desenvolvemento económico, social e cultural da rexión.
“Esta data é un recoñecemento xusto do traxecto compartido e do labor de cooperación que ten achegado as nosas comunidades e reforzado a cohesión territorial entre Galicia e o Norte de Portugal”, destacan conxuntamente a Xunta e a CCDR. “O 31 de outubro é máis ca unha data, é un símbolo de confianza mutua, visión compartida e vontade de construír o futuro xuntos”, recolle a declaración.
A institución desta data é unha forma de recoñecer o legado histórico do primeiro protocolo de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, con resultados concretos que benefician a millóns de cidadáns e reforzando o compromiso conxunto co desenvolvemento sustentable, a cohesión territorial e unha Europa máis próxima ás persoas. Para acadar estes obxectivos é indispensable a implicación da sociedade civil, as institucións e os axentes económicos e culturais neste proxecto común.
A Xunta e a CCDR-Norte reafirman o seu compromiso de seguir traballando conxuntamente no marco do Estatuto do Traballador Transfronteirizo, na cooperación institucional e sectorial e no apoio a proxectos nos ámbitos da innovación, a investigación, a cultura, o turismo, a mobilidade sustentable, a economía e o emprego.
A mobilidade preséntase como un eixe estratéxico da Eurorrexión. Nese sentido, a Xunta e a CCDR-Norte subliñan o seu apoio activo á conexión ferroviaria de alta velocidade e á modernización do Tren Celta, reforzando a necesidade de garantir o financiamento no próximo período orzamentario europeo 2028–2034 e a súa canalización directa cara aos AECT da Eurorrexión ou estruturas transfronteirizas.
Con 6,2 millóns de habitantes e 51.000 quilómetros cadrados, a Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal afírmase como un territorio único, con identidade propia, símbolo de proximidade, progreso compartido e cooperación duradeira.



