Home Xunta de Galicia A Xunta e a RAG impulsan a nova edición de "Toponimízate", a...

A Xunta e a RAG impulsan a nova edición de “Toponimízate”, a campaña que divulga o valor da toponimia polos concellos galegos

- Anuncio -

― O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, presentan o regreso deste programa que inclúe como novidades sesións telemáticas en directo e obradoiros de memoria

― Ortigueira, Triacastela, Carnota, Outeiro de Rei, Meaño, O Barco de Valdeorras e Marín son os oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística polos que pasarán as charlas desta cuarta edición, aos que tamén se suma o concello do Irixo

― Darase a coñecer a orixe e significado dos nomes dos concellos e as súas parroquias e presentaráselle ao público o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada

A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra está de volta logo da parada obrigatoria provocada pola crise sanitaria. A iniciativa, coordinada pola Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Xunta de Galicia, chega entre os meses de outubro e decembro a nove concellos, oito deles da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, co fin de difundir a nosa riqueza toponímica e involucrar novos colaboradores neste proxecto colectivo a través da aplicación colaborativa Galicia Nomeada.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, presentaron na sede da RAG a cuarta edición do programa acompañados de Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Academia que se encargará de impartir as charlas previstas.

“Toponimízate supón a difusión e socialización dunha riqueza lingüística e cultural tan importante como son os nomes da terra. Busca a colaboración e o prestixio de saber chamarlle a cada lugar polo seu nome”, destacou Valentín García. “ É tamén un exemplo de colaboración entre administracións e unha entidade tan importante como a RAG que, desde hai algúns anos, está indo da man connosco neste proxecto de referencia”, engadiu o representante da Consellería de Cultura, Educación en Universidade.

Pola súa banda, o presidente da RAG salientou o gran valor da toponimia galega e a importancia do seu estudo, que a Academia desenvolve a través do Seminario de Onomástica. “A toponimia é a ciencia que estuda os nomes de lugar, a memoria da nosa paisaxe e da nosa xeografía, memoria humanizada que se constrúe ao longo do tempo, de xeración en xeración, e que constitúe un patrimonio de enorme valor. Galicia é un dos espazos europeos con máis riqueza cultural neste eido. Cada metro cadrado ten nome de seu, significación histórica que marcaron os devanceiros”, destacou.
Víctor F. Freixanes referiuse tamén á necesidade de implicar o público xeral “na descuberta dun patrimonio que debe conservarse e transmitirse ás novas xeracións” e agradeceu a implicación “de tanta xente do común, particulares e institucións” nesta campaña.

Charlas programadas
As charlas de Toponimízate divídense en dous bloques temáticos. O primeiro deles aborda a riqueza toponímica galega, mentres o segundo presenta o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, unha plataforma a través da cal a veciñanza pode engadir os diferentes microtopónimos que coñeza e que xa conta con máis de 2200 usuarios que compartiron preto de 31.000 nomes de lugares dende o 2019.

Ademais, as sesións de Toponimízate tamén permiten coñecer as utilidades prácticas para a Administración pública, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral desta información unha vez xeorreferenciada e normativizada, e conclúen cun percorrido polo significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello en cuestión coa colaboración do académico da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da RAG.


A primeira cita desta cuarta edición xa tivo lugar o pasado xuño en Marín, mais o resto da campaña comezará o vindeiro venres 1 de outubro en Triacastela. Outeiro de Rei, Carnota e O Irixo acollerán as restantes charlas presenciais desta edición que introduce, como novidade, tres sesións telemáticas emitidas en directo a través da canle de YouTube da RAG e que poderán verse de maneira colectiva nos espazos habilitados nos respectivos concellos de Ribeira, O Barco de Valdeorras e Meaño.


O peche da cuarta campaña de Toponimízate terá lugar en Ortigueira o 3 de decembro coa outra gran novidade da edición, un obradoiro de memoria no centro de maiores da vila. A sesión concíbese como unha actividade da memoria na que a aposta polo envellecemento activo e a calidade de vida na terceira idade irá da man da recuperación da nosa toponimia tradicional.


Toda a información e o calendario de sesións irase actualizando no Portal da Lingua Galega, na Axenda de Cultura de Galicia e no web da RAG.

Relacionadas

Arranca a coordinación da Xunta da marca turística do norte peninsular co compromiso de...

0
Este ano, Galicia lidera a organización e coordinación das actividades da marcaAo final de 2024 estará listo o maior corredor ecoturístico que atravesará lugares...

A Xunta convoca catro cursos para membros das forzas de seguridade ao abeiro do...

0
― O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a oferta formativa para o primeiro semestre deste ano con 184 prazas que suman as catro...

O 97% do alumnado de cuarto de Infanti obten praza no centro educativo escollido...

0
— Este ano recibíronse un total de 14.379 solicitudes de nenos de tres anos, que se incorporan así ao sistema educativo, para as 21.137...

A Xunta presenta novas campañas de prevención de riscos laborais co gallo do Día...

0
― O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, clausurou hoxe en Ourense a presentación dunha campaña do Instituto de Seguridade e...

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés cubre once prazas de especialistas no...

0
― O Hospital Provincial acolleu esta mañá o acto de toma de posesión de boa parte dos facultativos, que acadaron praza fixa no Sergas...

A Xunta lamenta que o Partido Socialista Pretenda incumprir a Lei de Costas Estatal...

0
— O conselleiro Román Rodríguez subliña que construír un pavillón neste centro non é unha cuestión de “vontade política” senón de “legalidade” urbanística — Lembra...

Publicacións Relacionadas