- Cunha duración prevista de catro semanas, a escavación está impulsada e financiada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático baixo a dirección do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo
- O obxectivo da campaña é verificar se na terraza intermedia do castro e no espazo fóra da muralla ao leste do asentamento houbo sucesivas etapas de ocupación
- Grazas ás intervencións arqueolóxicas desenvolvidas na illa desde o ano 2021 o equipo investigador confirmou que o castelo estivo habitado durante nove séculos
A Xunta de Galicia e un equipo de investigadores da Universidade de Vigo (UVigo) acaban de iniciar na illa de Ons unha nova campaña arqueolóxica no castro do Castelo dos Mouros.
As escavacións, financiadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e dirixidas polo Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, céntranse en dúas áreas que xa foran obxecto de sondaxes arqueolóxicas en 2025 —a terraza intermedia do castro e o espazo localizado fóra da muralla— co obxectivo de obter novos datos sobre a ocupación deste enclave tanto na época castrexa como romana.
Cómpre lembrar que grazas aos traballos previos se puido confirmar a presenza na terraza intermedia de dúas cabanas redondeadas da Idade de Ferro, así como de diferentes materiais do século I a.C., sen que se teñan atopado ata o de agora nesta zona nin materiais nin construcións de época romana.
De feito, as investigacións desenvolvidas sinalan que os asentamentos romanos se concentraban tanto na parte baixa do castro como na ladeira que descende ata a praia do Canexol, onde intervencións previas permitiron identificar os restos de fábricas de salgadura e peixe.
A sondaxe realizada o pasado ano levou ao equipo investigador a localizar fóra da muralla unha pequena parte dun edificio de época romana, o que fai pensar que o asentamento estendíase neste período máis aló do castro, chegando ata as fábricas da praia. Neste sentido, o segundo punto da campaña se sitúa nun espazo fóra da muralla, cara ao leste, onde os datos suxiren a presenza dunha construción de época romana.
O obxectivo desta nova campaña, por tanto, é ampliar a zona escavada e verificar nestes puntos se houbo ou non sucesivas etapas de ocupación, como acontece na súa terraza inferior escavada en campañas previas e que permitiron constatar a existencia de estruturas superpostas.
Cunha duración estimada de catro semanas, a actual campaña estase a executar, ao igual que as anteriores, baixo a dirección científica do profesor de Arqueoloxía Adolfo Fernández e coa colaboración activa dos axentes e vixiantes presentes na illa. Unha vez finalizadas as escavacións, levarase a cabo tamén unha campaña de conservación e restauración da área de intervención, traballos inicialmente previstos para o outono.
Froito da colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Universidade de Vigo, os traballos arqueolóxicos desenvolvidos en Ons desde o ano 2021 serviron para confirmar que o Castelo dos Mouros estivo densamente poboado, tanto na época castrexa como na romana.
No seu conxunto, as diferentes campañas permitiron constatar ao equipo investigador que foi un espazo habitado ao longo de nove séculos, con estratexias de poboamento diferentes xa que, se ben os castrexos ocuparon os espazos situados no interior da muralla do castro, os asentamentos romanos concentráronse na súa parte baixa e poderían terse estendido pola ladeira que descende ata a praia.

