HomeXunta de GaliciaA Xunta e o clúster alimentario de Galicia impulsan o programa Proalis-Carbon...

A Xunta e o clúster alimentario de Galicia impulsan o programa Proalis-Carbon para reducir as emisións do sector e avanzar na transición climática

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez subliña que o obxectivo último é lograr ciclos de carbono alimentarios sostibles
  • Organizaranse accións formativas a través das que as empresas alimentarias poderán adquirir coñecementos e ferramentas para ser menos contaminantes

A Xunta e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) impulsan o programa PROALIS-CARBON para reducir as emisións do sector e avanzar na transición climática.

Deste xeito, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o presidente de Clusaga, Andrés Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración para desenvolver ese programa a través do que se organizarán unha serie de accións formativas mediante as que as empresas alimentarias poderán adquirir coñecementos e ferramentas para ser menos contaminantes.

Segundo indicou Ángeles Vázquez, o obxectivo último é lograr ciclos de carbono alimentarios sostibles a través dun enfoque integral. Nese senso, busca garantir o recoñecemento da responsabilidade ambiental das empresas, o respecto polos espazos naturais de Galicia e a consolidación dunha cadea de valor socialmente equitativa  e economicamente viable.

En concreto, o programa PROALIS-CARBON, que conta cun financiamento de 45.000 euros, inclúe diferentes actividades como a elaboración dunha diagnose das empresas a través do envío dun cuestionario para recoller información sobre as súas prácticas de sostibilidade e facer unha posterior análise de cara a preparar un informe de recomendacións.

Tamén se celebrarán obradoiros teórico-prácticos sobre cuestións relacionadas coa gobernanza, a pegada de carbono e hídrica, e a responsabilidade ambiental. A través desta formación grupal, as empresas adquirirán coñecementos e ferramentas para mellorar a súa sostibilidade.

Ademais este programa inclúe reunións co persoal de cada empresa para ofrecer titorizacións sobre recollida e análise de información. O obxectivo é proporcionar apoio na cumprimentación de ferramentas de métricas ambientais e na elaboración da documentación necesaria para a avaliación e planificación da sostibilidade.

A maiores, tamén se fará unha avaliación individualizada da situación de cada empresa para acreditar os avances acadados durante o desenvolvemento do programa e identificar accións futuras para mellorar na súa transición climática.

Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor o esforzo que está a realizar Galicia para avanzar cara á descarbonización e incidiu na importancia que vai ter nese eido a futura Lei do clima, que sitúa esta cuestión como eixo transversal das políticas públicas autonómicas.

De feito, esta nova norma márcase como reto principal dotar a comunidade das ferramentas, órganos e instrumentos necesarios para garantir a consecución da neutralidade climática —o equilibrio entre as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e as absorcións— no horizonte do ano 2040, é dicir, unha década antes do prazo fixado pola Unión Europea.

Cómpre indicar que esta mañá se celebrou tamén o primeiro encontro de empresas do sector alimentario adheridas á Alianza galega polo clima, que é unha iniciativa posta en marcha pola Xunta co obxectivo de fomentar as sinerxías público-privadas ante o quecemento global a través da implicación dos diferentes axentes sociais e económicos que operan na comunidade.

Publicacións Relacionadas