HomeXunta de GaliciaO Consello Reitor da Axencia Galega de Emerxencias aborda os avances en...

O Consello Reitor da Axencia Galega de Emerxencias aborda os avances en tecnoxía, seguridade e cooperación institucional

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Emerxencias e Interior presidiu a sesión ordinaria do Consello Reitor, onde se presentou a memoria de actividades de 2024
  • Entre os principais fitos figuran a renovación integral do sistema de xestión de emerxencias Gemma e a actualización dos materiais e tarefas do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI)

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu esta mañá a sesión ordinaria do Consello Reitor da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), onde se presentou a memoria de actividades correspondente ao ano 2024. Durante o encontro, no que tamén participou o xerente da entidade, Marcos Araújo, salientáronse importantes fitos na modernización da Axencia, na mellora das medidas de seguridade e no fortalecemento da súa capacidade operativa.

Un dos principais proxectos tecnolóxicos do 2024 foi a renovación integral do sistema de xestión de emerxencias Gemma. Como parte desta renovación, estase desenvolvendo unha nova aplicación destinada aos organismos intervintes co obxectivo de mellorar a coordinación e a resposta en emerxencias. En materia de seguridade, realizáronse melloras na instalación eléctrica para garantir a operatividade e avanzouse nos plans de seguridade requiridos pola súa condición de infraestrutura crítica.

A cooperación institucional foi outro eixe estratéxico do ano. Así, en xullo culminouse a integración telemática da Garda Civil de Tráfico na plataforma Gemma do mesmo modo que se viña facendo coa Garda Civil e a Policía Nacional. Tamén se reforzaron alianzas con entidades especializadas, como a sinatura dun convenio coa Federación Galega de Espeleoloxía, e mantivéronse reunións con asociacións de cans de rescate para futuras colaboracións.

Ademais, en 2024 continuouse coa actualización e mellora dos materiais e tarefas asignadas ao Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI), un recurso propio e especializado da Axencia Galega de Emerxencias. Destaca a súa colaboración en operativos como a busca de persoas desaparecidas (138 participacións ou alertas desde a súa creación) e conta cun importante activo nunha Unidade Operativa de Drons en constante evolución. Nesta liña, resaltouse a súa intervención, xunto a outros servizos de emerxencias galegos, nas tarefas de rescate e limpeza tras a DINA na Comunidade Valenciana a finais de outubro.

Proxectos estratéxicos e cooperación europea

O ano 2024 tamén foi significativo pola consolidación de proxectos estratéxicos. A comezos de ano presentouse publicamente o proxecto Dronefinder, que combina o uso de drons e a intelixencia artificial para a localización de persoas desaparecidas. Paralelamente, avanzaron os traballos no marco do proxecto de Asistencia Transfronteiriza en Emerxencias (Atempo), liderado pola Axega e financiado polo programa europeo POCTEP, que mobiliza máis de 4,8 millóns de euros para reforzar a cooperación entre Galicia, Portugal e Castela e León en materia de protección civil e grandes emerxencias relacionadas co cambio climático.

A Axega participa, ademais, noutros seis proxectos comunitarios de I+D+i, entre os que destacan X-HeERO, Harmony e GoBeyond, centrados na innovación na xestión de emerxencias.

Formación, divulgación e participación institucional

Ao longo do ano desenvolvéronse numerosas accións formativas e de sensibilización cidadá, entre as que destacan as actividades conmemorativas do Día Europeo do 112, con xornadas de portas abertas e a presentación dunha curtametraxe sobre o traballo dos xestores do CIAE.

A Axega tamén acolleu a reunión nacional de responsables de comunicación en centros 112 e participou en múltiples congresos, simulacros e eventos, tanto a nivel nacional como internacional, difundindo o coñecemento e a experiencia galega na xestión de emerxencias.

Finalmente, continuouse coa entrega de material e vehículos aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, contribuíndo a mellorar os recursos dispoñibles en todo o territorio galego.

Publicacións Relacionadas