HomeO SalnésA Illa de ArousaA Xunta e o concello da Illa de Arousa invisten 1,3...

A Xunta e o concello da Illa de Arousa invisten 1,3 millóns de euros na mellora do saneamento para dar servizo a preto de 5.5000 habitantes

- Anuncio -spot_img
  • O obxectivo desta actuación é construír unha nova rede de colectores de augas residuais e pluviais para transformar o actual sistema de saneamento nun modelo separativo de cara a reducir os alivios á ría de Arousa
  • A Administración autonómica, a través de  Augas de Galicia, aportará o 80% do financiamento e o concello asumirá o 20% restante

A Xunta de Galicia e o Concello da Illa de Arousa investirán 1,3 millóns de euros na mellora do sistema de saneamento da localidade para dar servizo a unha poboación de preto de 5.500 habitantes.

Segundo o convenio de colaboración que asinaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Luis Arosa, a Administración autonómica, a través de Augas de Galicia, aportará o 80% do financiamento e o concello asumirá o 20% restante.

O obxectivo desta actuación é construír unha nova rede de colectores de augas residuais e pluviais para transformar o actual sistema de saneamento nun modelo separativo de cara a reducir os alivios á ría de Arousa. Nese senso, esta acción, aínda que se levará a cabo no concello da Illa de Arousa, beneficiará a toda a contorna.

Unha vez asinado este convenio e en canto se reciba a documentación municipal pertinente, procederase a licitar este proxecto. O prazo de execución desta actuación, que será cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), é de seis meses.

Segundo explicou a conselleira, convenios como o asinado hoxe demostran o compromiso da Xunta de apoiar os concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de augas do xeito máis eficiente e garantindo o acceso da súa veciñanza a servizos de calidade.

De feito, aínda que o saneamento e o abastecemento son unha responsabilidade municipal, o Goberno galego leva anos prestando a súa colaboración técnica e financeira ás entidades locais que a necesiten, especialmente a aquelas máis pequenas, no marco dunha estratexia coa que busca ofrecer unha alternativa de xestión autonómica dos servizos da auga.

Publicacións Relacionadas