- Ángeles Vázquez sinala que esta actuación permitirá, ademais de garantir un servizo de calidade a veciñanza, mellorar a xestión das augas residuais e a protección do medio natural, así como garantir un bo estado ecolóxico das augas
- Esta actuación forma parte da carteira de 11 proxectos que está a impulsar Augas de Galicia, cun investimento global de máis de 7,5 millóns de euros, para reforzar os servizos básicos da auga no rural e mellorar as infraestruturas hidráulicas municipais
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do que se destinarán 1,25 millóns de euros á construción dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) e dunha rede de colectores de saneamento no lugar de Beo.
Segundo dixo a conselleira, esta actuación permitirá, ademais de garantir un servizo de calidade a veciñanza, mellorar a xestión das augas residuais e a protección do medio natural, así como garantir un bo estado ecolóxico das augas e dos seus sistemas asociados, xa que se eliminarán as verteduras de augas en tratar.
En concreto, esta acción, que será financiada nun 80% pola Xunta e nun 20% polo concello, ten carácter integral e permitirá renovar e completar as principais infraestruturas hidráulicas desta contorna. Así, entre outros traballos, ademais da construción da EDAR -dimensionada para máis de 250 habitantes equivalentes-, executaranse preto de 1,8 quilómetros de nova rede de saneamento e renovaranse preto de 540 metros da rede de pluviais. A maiores, tamén se renovará a rede de subministración de auga.
Tal e como lembrou Ángeles Vázquez, esta actuación forma parte da carteira de 11 proxectos que está a impulsar a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, cun investimento global de máis de 7,5 millóns de euros para reforzar os servizos básicos da auga no rural e mellorar as infraestruturas hidráulicas municipais.
Así mesmo, a Xunta mantén unha política activa de colaboración cos concellos, achegando financiamento e apoio técnico para acometer actuacións que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais.

