A Xunta e o concello de Mos destinan 273.000 euros á amplicación da senda fluvial do río Louro que este ano foi recoñecida coa Bandeira Sendeiro Azul

Redacción
  • Ángeles Vázquez explica que o obxectivo desta actuación é ampliar esta senda ata os cinco quilómetros de forma que se permita o acceso ao río desde a contorna do parque empresarial da Veigadaña
  • O Goberno galego asumirá o 55% do investimento e o Concello aportará o 45% restante coa previsión de que os traballos estean rematados antes de que acabe o ano
  • A conselleira fai fincapé en que a aposta pola restauración ambiental desta contorna se viu reforzada co distintivo Bandeira Sendeiro Azul, que é un sinal máis da Galicia Calidade que promove un uso público e sostible dos espazos naturais

A Xunta de Galicia e o Concello de Mos destinarán 273.000 euros á ampliación da senda fluvial do río Louro, que este ano foi recoñecida co distintivo Bandeira Sendeiro Azul por primeira vez.

Segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez na visita que realizou hoxe a esta contorna, o obxectivo desta actuación é ampliar esta senda ata os cinco quilómetros de forma que se permita o acceso ao río desde a contorna do parque empresarial da Veigadaña. En concreto, a senda ampliarase entre o Camiño do Lagoal (extremo norte) e o da Gata (extremo sur).

Logo de avanzar que a previsión é que esta actuación estea rematada antes de que remate este ano 2026, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada na súa visita pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, indicou que o Goberno galego asumirá o 55% do investimento da actuación e o Concello aportará o 45% restante.

Nese senso, a conselleira salientou que esta actuación vén complementar os traballos que xa realizaron as administracións autonómica e local para a posta en valor do patrimonio natural desta contorna, así como para a mellora da calidade de vida da veciñanza con infraestruturas que fomentan a mobilidade peonil e a accesibilidade.

De feito, esta iniciativa enmárcase na estratexia que está a desenvolver a Xunta para a posta en valor de infraestruturas e contornas fluviais e que conta este ano cun orzamento de un millón de euros. O obxectivo é promover un marco de colaboración entre Augas de Galicia e os concellos da Comunidade para acometer accións sostibles de recuperación e mellora das contornas dos ríos reforzando así a súa función ecolóxica, social e simbólica.

Tal e como subliñou a conselleira, “trátase de restaurar a funcionalidade ecolóxica dos ríos, mellorar a súa calidade ambiental e reforzar o seu papel como espazos de uso social, cultural e turístico, ao mesmo tempo que se garante a protección da súa biodiversidade”.

Sendeiro azul

Así mesmo, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que, no caso concreto da senda fluvial do río Louro, a aposta pola súa restauración ambiental viuse reforzada co recoñecemento coa Bandeira Sendeiro Azul que recibiu este ano por primeira vez. Cómpre lembrar que este distintivo, que concede anualmente a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), destaca o compromiso das administracións públicas coa recuperación e a posta en valor de itinerarios naturais que promoven a interpretación e a educación ambiental, así como o uso sostible da contorna.

Nesa liña, a conselleira incidiu na relevancia de Galicia neste eido xa que lidera a clasificación nacional desta iniciativa con 72 sendeiros recoñecidos con este distintivo, o que supón máis do 37% do total. Este posicionamento é unha mostra máis da Galicia Calidade que promove un turismo de natureza a través do uso público e sostible dos espazos naturais.

Comparte este artigo