- Ángeles Vázquez explica que a Consellería está traballando en diferentes instrumentos para crear un marco integral no ámbito dos residuos da construción e a demolición que inclúa a planificación, a execución e o control da súa xestión
- Abordaron a elaboración dun manual de xestión que sistematice as obrigas dos distintos axentes, defina boas prácticas en todo o ciclo da obra e incorpore recomendacións sobre a eficiencia no uso dos recursos, o fomento da reutilización ou a promoción do ecodeseño
A Xunta e o sector da construción avalían vías de colaboración técnica para avanzar na xestión sostible dos residuos desta actividade. Nesa liña, está mañá a conselleira de Medio Ambiente e cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse co presidente da Fundación Galicia Constrúe, Diego Vázquez Reino; co xerente da Fundación Laboral da Construción, Fernando García Novo, e coa secretaria xeral da Federación Galega da Construción, Verónica Val, co obxectivo de analizar aspectos concretos desa posible cooperación.
Así, Ángeles Vázquez indicou que o persoal técnico da Consellería estudará as propostas presentadas polo sector no marco dos instrumentos que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade está preparando para establecer un marco integral de intervención no ámbito dos residuos da construción e a demolición (RCD) abordando tanto a planificación como a execución e o control da súa xestión.
En concreto, a conselleira informou de que está en deseño un modelo estruturado baseado na integración do estudo de xestión de residuos na fase de proxecto e a súa tradución operativa na fase de execución. Deste xeito, este instrumento valora incorporar elementos clave como a planificación previa, a segregación en orixe, a trazabilidade dos fluxos, a loxística interna da obra e a garantía de calidade na xestión dos residuos, promovendo ademais a reutilización e o emprego de materiais reciclados.
Nese senso, esa iniciativa podería incluír algunhas das aportacións presentadas polo sector como, por exemplo, o programa Rehabilita-Circular, que é un programa de xestión para pequenas obras, ou a creación dunha plataforma de valorización de materiais que funcione como un sistema de intercambio de recursos procedentes de demolicións e excedentes de obra.
A maiores, a conselleira e os representantes do sector da construción acordaron colaborar na elaboración dun manual de xestión de RCD, que sistematice as obrigas dos distintos axentes implicados -produtores, posuidores e xestores-; defina boas prácticas en todo o ciclo da obra, e incorpore recomendacións orientadas, entre outras cuestións, á eficiencia no uso dos recursos, ao fomento da reutilización e a reciclaxe, e a promoción do ecodeseño.

