— O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde coa ampliación de orzamento desde os case 9,3 millóns de euros iniciais, que xa supoñían unha suba superior ao 9% en relación ao importe do exercicio anterior
— Permitirá chegar a 233 entidades beneficiarias, que deben ter como actividade principal o fomento de accións destinadas á inserción de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, servizos comunitarios, maiores, mulleres ou infancia
— Tivéronse en conta as que desenvolven proxectos singulares, aquelas que prestan servizos a outras asociacións, colectivos con máis dunha área de actuación autonómica e as que teñen máis de 100 profesionais no seu cadro de persoal
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que amplía ata máis de 10,5 millóns de euros o orzamento da convocatoria de 2024 para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro.
O incremento —que se produce desde os case 9,3 millóns de importe inicial, que xa supoñían unha suba superior ao 9% en relación ao do exercicio anterior— permitirá contratar un total de 526 persoas desempregadas en 233 entidades inscritas como de iniciativa social no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.
Detalles da convocatoria
As entidades sociais beneficiarias destes apoios deben ter como a súa actividade principal o fomento de accións específicas para a inserción de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, servizos comunitarios, maiores, familia, mulleres ou infancia. Así mesmo, deben garantir a contratación a tempo completo durante nove meses das persoas desempregadas ou 12 meses a tempo parcial.
Do total do orzamento, destináronse prioritariamente 3 millóns á contratación de persoas desempregadas nos denominados proxectos singulares, desenvolvidos por entidades que prestan servizos a outras, a colectivos con máis dunha área de actuación a nivel autonómico ou con máis de 100 profesionais nos seus cadros de persoal.
Tras a resolución das axudas, cada unha das entidades beneficiarias na convocatoria deste ano percibirá un importe medio superior aos 50.600 euros, uns 18.200 euros por persoa traballadora contratada. Grazas a estas achegas, o Goberno galego apoiou no último trienio 2021-2023 a contratación de máis de 1.700 persoas sen emprego en preto de 600 entidades sen ánimo de lucro.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241220/AnuncioG0767-171224-0001_gl.html