- Este curso entran en vigor as novas desgravacións na declaración da renda de ata 105€ pola compra de libros de texto e material ata o vindeiro 31 de decembro
- O Goberno galego encadea catro cursos mellorando as medidas neste eido coa aprobación da matrícula universitaria gratuíta, cun incremento notable no bono de material escolar e coa adquisición de 469.281 libros para prestar aos estudantes
- Tamén comezan a beneficiarse das axudas os estudantes de E-Dixgal dentro da aposta da Xunta por afondar nun modelo de ensino que combine papel e tecnoloxía
- O conselleiro Román Rodríguez visita a libraría Clip en Pontevedra e amosa a sensibilidade da Xunta no inicio do curso logo de reforzar o orzamento para esta finalidade en máis de 25 millóns desde o ano 2022 ata superar os 100 M€
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a libraría Clip en Pontevedra, onde destacou que a Xunta volve elevar o apoio económico ás familias na volta ao cole, o que permite ampliar o número de alumnos destinatarios en máis de 100.000 a través das medidas aprobadas nos últimos anos. En concreto, reforzouse a compra de libros de préstamo, eleváronse con carácter xeral as axudas, ampliáronse os bonos de material, aprobouse a matrícula universitaria gratuíta e, desde este ano, establécese unha desgravación fiscal na declaración da renda polas compras escolares que se realicen ata o 31 de decembro e comezan a beneficiarse das axudas de libros de texto os estudantes de E-Dixgal.
Este conxunto de medidas son, en opinión de Román Rodríguez, mostra da sensibilidade do Goberno autonómico coas familias no inicio do curso, un feito que cuantificou en máis de 100 M€, o que representa un incremento de máis dun 25% desde 2022.
“Queremos axudar máis a quen máis o precisa e facilitar o acceso aos estudos en Galicia desde as primeiras etapas ata a obtención dun título de FP ou universitario”, explicou o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez. Nese senso, lembrou que Galicia é a única Comunidade onde isto é posible, “o que evidencia o compromiso da Xunta coa igualdade de oportunidades”.
Como funcionan as desgravacións?
Desta volta, o conselleiro puxo o acento nas desgravacións fiscais por ser a principal novidade do curso. Co fin de intensificar a difusión desta medida, nos vindeiros días as familias recibirán unha comunicación a través de Abalar para que poidan coñecer en detalle a medida e beneficiarse dela. En concreto, vai dirixida a fogares con rendas per cápita superiores aos 10.000€ ata un máximo de 30.000€, que ata agora non recibían este tipo de apoio. As familias cunha renda per cápita inferior a 10.000€ seguen tendo acceso ás axudas ou o préstamo de libros nos seus centros e ao vale de material.
A desgravación fiscal farase efectiva na declaración da renda de 2026, correspondente ao exercicio de 2025, na que as familias poderán desgravar un 15% pola compra de libros e material ata un máximo de 105 euros por fillo ou filla matriculados en Educación Primaria e ESO, as etapas de ensino obrigatorio. Para beneficiarse desta medida, deberán gardar as facturas das compras realizadas do 1 de xullo ao 31 de decembro.
Estímase que o número máximo de beneficiarios poida chegar ata os 60.000, cifra que dependerá das declaracións presentadas, cun aforro de ata 6,3 millóns de euros.
A outra gran novidade deste curso é a incorporación do alumnado de E-Dixgal ás axudas de libros de texto dentro da aposta da Xunta de Galicia por avanzar nun modelo de ensino híbrido que combine o papel e as novas tecnoloxías no proceso de aprendizaxe.
Outras iniciativas en marcha
A desgravación fiscal súmase ao paquete de axudas vixente desde hai anos e que, nos últimos catro, veuse incrementado ampliando o número de familias beneficiadas. En concreto, o conselleiro de Educación lembrou que no curso 2022/23 a Xunta aumentou o importe do vale de material (pasando de 50€ a 75€) e que no 2023/24 creou un novo cheque de 60€ para familias con una renda per cápita entre 6.000 e 10.000€.
Así mesmo, no ano 2023 incrementáronse con carácter xeral as contías das axudas á compra de libros, que oscilan entre os 160 e os 300€ en función da renda e que se dirixen aos alumnos dos cursos nos que os libros non son reutilizables (1º e 2º de Primaria e Educación Especial). De xeito parello, a Xunta comprou nos últimos anos 469.281 manuais para alimentar o fondo a través do que as familias reciben en préstamo ata seis libros. Neste caso, benefícianse os alumnos desde 3º de Primaria e 4º de ESO.
Unha universidade ao alcance de todos
Román Rodríguez fixo fincapé en que, desde o pasado curso, “en Galicia o acceso á educación é completamente de balde desde a escola infantil ata a Universidade ao abeiro da nova medida, pioneira en España, da matrícula gratuíta implantada pola Xunta”. Esta gratuidade opera tamén para as ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramático, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais).
Con carácter xenérico, para acceder á matrícula gratuíta, no caso dos estudantes de novo ingreso, deberán ter superado a parte obrigatoria da PAU en Galicia na convocatoria de 2025 ou un ciclo superior de FP nun centro galego. Os estudantes de segundo e seguintes cursos deben estar matriculados nun grao nunha universidade pública galega durante o curso anterior e ter aprobados o 90% dos créditos nos graos das áreas de Humanidades e Xurídicas, o 80% nos da área da Saúde e o 65% nas Enxeñarías e graos da área de Ciencias, premiando desa maneira o seu esforzo.
“Isto súmase á conxelación das taxas universitarias, vixente desde hai anos 14 anos, que fai das galegas as universidades máis asequibles de todo o Estado”, detallou o conselleiro. Tamén os prezos bonificados dos comedores escolares, conxelados desde hai máis dunha década, ou a gratuidade absoluta da rede de transporte escolar.
Líderes en equidade
Román Rodríguez recordou que estudos de organismos alleos á Xunta como o informe PISA sitúa na Galicia reiteradamente como o sistema educativo máis equitativo, onde un alumno pode acadar o éxito con independencia da súa situación socioeconómica.

