HomeA ParadantaA CañizaA Xunta entrega na Cañiza os premios da sexta campaña do programa...

A Xunta entrega na Cañiza os premios da sexta campaña do programa “Merca no teu Comercio” en Pontevedra co gallo de impulsar o comercio local

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto que —ademais da Cañiza— implica os concellos de Covelo e Crecente 
  • Recordou que está aberto o prazo para presentarse aos Premios do Comercio Galego 2025, con cinco categorías para recoñecer e poñer en valor os profesionais do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias, e polo alcalde da Cañiza, Luis Piña, participou hoxe na entrega de premios da sexta campaña quincenal do programa Merca no teu comercio na provincia de Pontevedra, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio e que implicou neste caso, a maiores da Cañiza, os concellos de Covelo e Crecente. Así, despois de que as persoas consumidoras rexistrasen as súas compras, entregáronse 20 tarxetas prepago de 50 euros, que poderán ser utilizadas nos comercios locais adheridos ata o 31 de decembro de 2025.

Esta sexta campaña pontevedresa desenvolveuse entre o 15 e o 30 de agosto, co obxectivo de impulsar as vendas no comercio local, visibilizar o seu papel na dinamización económica e social dos concellos rurais e reforzar a súa presenza nas zonas sen tecido asociativo consolidado. Actualmente continúa aberta —deica o 15 de setembro— a iniciativa de Meaño e Poio, como parte dunha estratexia continuada de apoio ao comercio de proximidade.

Premios do Comercio Galego 2025

O director xeral recordou ademais que os establecementos interesados en optar aos Premios do Comercio Galego 2025 poden presentar as súas candidaturas ata o próximo 26 de setembro. Poden resultar recoñecidos en cinco categorías: Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria 2025, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende 2025, distinguido con outros 3.000 euros; Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros; e Premio Comercio Sostible 2025, con 3.000 euros.

A convocatoria enmárcase na aposta da Xunta por un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio.

Publicacións Relacionadas