O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda anunciou esta mañá que o vindeiro martes, 10 de xuño, comeza a nova etapa do novo servizo de xestión do residuos do Concello. As primeiras accións serán de limpeza.
Explicou que a implantación do contrato será “gradual” xa que a nova maquinaria irase incorporando progresivamente, pero si se poden activar os primeiros recursos dispoñibles que son o persoal. Por este motivo, a Concellaría optou por activar o que denominou limpeza de nivel cero para actuar en todos os aspectos das rúas, dende os chorreamentos de pavimentos e rozas até a retirada de pintadas. Estas limpezas faranse por sectores, e o primeiro no que se vai a actuar é o ámbito da Moureira e de San Roque, dende a ponte da Barca, paseo de Colón, Raíña Vitoria e a desembocadura do Gafos, cara a ría.
A primeira acción comezará este martes, a partir das 06.00 horas na que se contará con dúas cubas de baldeo, un tractor con pa frontal para a recollida de restos, oito operarios a pé de rúa, un equipo de chorreo a presión en vehículo auxiliar, varredoras de calzada e tamén ferramenta auxiliar como rozadoras, equipo de varrido… A previsión é que se estea neste sector durante varios días até completar esta limpeza integral de partida.
Nesta implantación gradual do servizo, o concelleiro tamén informou que se retomará o reparto de composteiros individuais polas parroquias. Na actualidade están distribuídos arredor de 3.800 “e dentro de dúas semanas procederase á entrega de solicitudes existentes que son sobre 10.
Despois, nas seguintes semanas, programaranse as charlas informativas -como as que se fixeron no seu momento-, polas parroquias, onde a xente poderase apuntar para ter un composteiro individual”, explicou Xaquín Moreda. Esta acción irá complementada con controis informativos personalizados por cada vivenda para detectar problemas e resolver dúbidas entre a veciñanza.