- O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto que implicou, ademais da Rúa, os concellos de Vilamartín de Valdeorras, Petín e Larouco, e no que se repartiron 20 tarxetas prepago de 50 euros entre as persoas participantes
- A campaña, realizada en colaboración coa Federación Galega de Comercio, continúa activa ata o 15 de setembro na Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Parada de Sil e San Xoán do Río
- Alén lembrou que segue aberto o prazo para optar aos Premios do Comercio Galego 2025, que contan con cinco categorías destinadas a recoñecer e visibilizar o labor dos profesionais do sector
A campaña desenvolveuse entre o 15 e o 30 de agosto, coa finalidade —incidiu Alén— de fomentar o consumo nos negocios de proximidade, poñer en valor o seu papel como motor económico e social nas vilas rurais e reforzar a súa actividade en territorios cun menor asociacionismo. Actualmente segue en marcha —ata o 15 de setembro— nos concellos de A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Parada de Sil e San Xoán do Río. A continuación, a partir do día 15, iniciarase en Maceda, Allariz e Barbadás.
Premios do Comercio Galego 2025
O director xeral lembrou tamén que os comercios interesados en presentarse aos Premios do Comercio Galego 2025 teñen de prazo ata o 26 de setembro para formalizar as súas candidaturas. Os galardóns repartiránse en cinco categorías: o Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; o Premio Comercio Traxectoria 2025, con 3.000 euros; o Premio Comercio Emprende 2025, tamén con 3.000 euros; o Premio Comercio Dinamización 2025, que ascende a 5.000 euros; e o Premio Comercio Sostible 2025, cun importe de 3.000 euros.
Gabriel Alén destacou que esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta para fortalecer un sector comercial moderno, competitivo e preparado para responder ás novas tendencias de consumo, ao tempo que se recoñece o seu peso como xerador de emprego e riqueza e como elemento clave para a cohesión territorial.

