A Xunta enxalza iniciativas como deseña unha xoia para a túa nai para impulsar os oficios tradicionais entre o público infantil

Redacción
Lectura mínima de 3

José González refírese a outras accións como Artesanía na Escola, coas que o Goberno galego busca promover a remuda xeracional e garantir o futuro dos oficios tradicionais dentro do compromiso coa artesanía galega

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto de entrega de premios do XVI certame infantil Deseña unha xoia para a túa nai, que impulsa o Colexio Oficial de Xoiería de Galicia coa colaboración da Federación Galega de Xoiaría e o apoio da Xunta. Nesta cita, á que tamén asistiron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, resultaron gañadores 12 proxectos elixidos entre 80 finalistas, tres en cada unha das categorías que van ata os 12 anos de idade.

Alí José González puxo de relevo o apoio autonómico a iniciativas deste tipo a través da Fundación Artesanía de Galicia a prol da difusión e conservación dos oficios artesanais e da artesanía de Galicia. Neste sentido, felicitou ás nenas e nenos gañadores e a todos os participantes, así como á organización. Sinalou que este certame é un aliciente para que as nenas e nenos descubran curiosidades do deseño de xoiería e que se interesen por este oficio. Outra iniciativa impulsada polo Goberno galego e á que tamén se referiu é Artesanía na Escola, coa que se achega ao público infantil a oficios como a elaboración de zocos e a construción de pandeiretas, entre outros.

Trátase de medidas coas que a Xunta busca promover a remuda xeracional e garantir o futuro dos oficios tradicionais dentro do compromiso coa artesanía galega, actividade clave no emprendemento ligado ao territorio. Nesta liña José González trasladou o apoio do Goberno galego aos artesáns e aos profesionais dos oficios tradicionais para seguir sendo referentes neste sector dentro e fóra de Galicia.

O certame

Neste caso de Deseña unha xoia para a túa nai os escolares participantes -diferenciados en categorías por idades, de 0 a 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10 anos e de 11 a 12 anos- debuxaron a xoia que lles gustaría regalar á súa nai e que se fará realidade no caso das 12 propostas premiadas, grazas á colaboración de diferentes xoieiros profesionais galegos entre os que se atopan os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Comparte este artigo