- A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe en Madrid na Comisión de directores xerais de Transporte do Estado e das Comunidades Autónomas coa demanda da convocatoria urxente da conferencia sectorial, que non se celebra desde xullo de 2022
- O Goberno galego lamenta que se recorra á imposición das medidas e non se informe nin se busque consenso coas autonomías de propostas como o mapa concesional, o abono único ou as bonificacións estatais
A Xunta esíxelle unha vez máis ao Goberno central a convocatoria urxente da conferencia sectorial de transportes para abordar cos representantes das comunidades en materia de transporte os servizos de transporte de competencia estatal que lles afectan e que precisan de “planificación, consenso e colaboración coas autonomías”, como é o caso do mapa concesional de transporte por estrada, das continuas incidencias dos servizos ferroviarios ou anuncios de medidas como o abono único ou as bonificacións estatais. Así o expuxo hoxe a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, xunto con homólogos doutras comunidades, durante a celebración da Comisión de directores xerais de Transporte do Estado e das Comunidades Autónomas.
No encontro tamén sinalou que no caso de Galicia, a Administración autonómica segue pendente de que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible designe o interlocutor de Renfe comprometido hai máis de medio ano.
Cómpre lembrar que a conferencia sectorial que esixen as comunidades non se convoca desde xullo de 2022 pese a que o regulamento establece que debe convocarse polo menos unha vez cada seis meses.
Mapa concesional de autobús
Un dos asuntos que a Xunta demanda tratar na conferencia sectorial é o mapa concesional de transporte por estrada. O Goberno galego denuncia que esta medida se quere impoñer de xeito precipitado, sen información nin consenso coas comunidades.
Desde Galicia insístese no rexeitamento a esta medida proposta polo Goberno central, que deixa illados máis dunha vintena concellos que suman 130.000 habitantes coa eliminación de case un cento de servizos, con varias localidades sen parada e obrigando a facer transbordos. A Xunta lamenta ademais que se fagan os cambios por imposición, sen escoitar as comunidades e sen atender ás particularidades de cada territorio. No caso de Galicia, pídese que se teñan en conta as súas características xeográficas e de poboación, e que se garantan as conexións no rural.
Bonificacións estatais
No que se refire ás bonificacións estatais que o Goberno central pretendía implantar este ano, a Xunta denuncia tamén “falta de transparencia e rigor”. De feito, no actual contexto, o Goberno galego xa anunciou que este mes de xaneiro manterá a bonificación do 50% no transporte interurbano, das áreas metropolitanas ou de ría e, desde febreiro, estaría garantida durante 2025 a bonificación do 20% que lle corresponde ao Goberno galego, independentemente da decisión que adopte o Goberno de España. Non obstante, a Xunta pediu tamén ao Executivo central que nestes días aporte certezas ás persoas usuarias do transporte público e non as utilice dentro das súas batallas partidistas.
Nesta liña, cómpre sinalar que, para garantir uns prezos competitivos no transporte público, Galicia mantén outros descontos autonómicos: unha redución do 20% do prezo do billete que complementa o 30% estatal, o desconto do 10% sobre a tarifa en efectivo, descontos adicionais do 15% para usuarios recorrentes e de ata o 50% para familias numerosas e con transbordos gratuítos dentro das áreas de transporte metropolitano. A estas vantaxes engádense ata 60 viaxes de balde ao mes para menores de 21 anos coa Tarxeta Xente Nova e para maiores de 65 coa tarifa +65.
Abono único
Por outra parte, no que se refire ao abono único anunciado polo Ministerio, a directora xeral trasladou na reunión de hoxe que a Xunta descoñece a información para avaliar o seu alcance e os servizos incluídos. Por exemplo, se en Galicia ten en conta as viaxes dentro da comunidade e os desprazamentos locais. Por iso, tamén neste caso, o Goberno galego esixe que se dialogue esta medida coas comunidades, sobre todo, tendo en conta que para ter un impacto real o abono debe integrar o transporte público de competencia autonómica e municipal. Ademais, lembra que este tipo de medidas deben vir acompañadas do investimento estatal necesario para a súa execución.