Turismo de Galicia convida a participar en propostas como beléns, mercados e espectáculos que se celebran nas catro provincias
Beléns para visitar, mercados para comprar agasallos e actividades de ocio para gozar en familia forman parte da programación ‘Nadal en Galicia’ promovida por Turismo de Galicia coa que pretende aglutinar diferentes propostas co gallo destas datas nas catro provincias e animar aos galegos e visitantes a coñecer o destino poñendo así en valor o seu potencial turístico.
A Xunta convida nesta campaña que arranca este mércores a visitar, entre outros, os dous beléns recoñecidos de interese turístico. Trátase do Belén Artesanal en Movemento de Valga, caracterizado por incorporar elementos da actualidade, con escenas locais da zona e personaxes ilustres do municipio, de Galicia e do resto de España. Gran parte delas están en movemento e destaca polo seu carácter popular e participativo coa implicación dos seus veciños. Nesta edición, ocupa un papel fundamental a solidariedade coa Comunidade Valenciana que segue a sufrir as consecuencias da DANA.
Tamén o de Begonte conta co mesmo recoñecemento. Nel destacan as súas pezas artesanais e mecanismos con figuras feitas polos veciños que se renovan cada ano. Desde a súa orixe creceu tanto que a sala adxacente está dedicada ao Museo do Belén. De feito, alí tamén se pode ver o primeiro mecanismo que movía esta estrutura nos 70 así como as antigas pezas que van sendo retiradas. En total, ocupa 150 metros cadrados e ten máis de 150 figuras.
Súmanse a esta programación outras propostas de beléns destacados nas catro provincias, así como os mercados con artesáns, produtores, comerciantes que exhibirán e venderán os seus produtos locais, pezas e coleccións de autor nas principais cidades.
A artesanía alimentaria tamén terá un protagonismo específico en Vigo, Ribadavia, Lugo e Santiago de Compostela e os artesáns e produtos de Artesanía de Galicia ocuparán un espazo propio tamén na cidade herculina, en Tui, en Viveiro e na capital de Galicia.
Para os máis pequenos e para gozar en familia, ‘Nadal en Galicia’ inclúe a programación ‘Nadal no Gaiás’, ‘Yule. Un Nadal viquingo no Gaiás’ e ‘Galiverso de Nadal’, todas elas na Cidade da Cultura. A guía tamén recolle citas doutros departamentos da Xunta de Galicia, coma a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Desestacionalizar
Turismo de Galicia promove un ano máis unha programación ampla e variada inspirada nos elementos tradicionais destas datas na procura de seguir traballando na desestacionalización da oferta e acadar así un nivel de ocupación e visitas homoxéneo durante todo o ano. Distintas opcións de lecer familiar, exposicións, obradoiros, contacontos, espectáculos, degustacións, xogos tradicionais, son algunhas das actividades recollidas nesta programación que se poderá gozar desde este xoves ata pasado o día de Reis de 2025.
‘Nadal en Galicia’ inclúe a edición dunha guía que estará dispoñible na páxina web de Turismo de Galicia con toda a información. Enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por facer de Galicia un destino atractivo en distintos momentos do ano para repartir temporalmente a chegada de viaxeiros e tamén os beneficios económicos que supón para as distintas localidades.