— Trátase de alumnado de 4º de ESO, Bacharelato e FP que contarán cunha bolsa de 100 € da Consellería de Educación para facer fronte ao custo dos exames
— A iniciativa inscríbese na Estratexia galega de linguas estranxeiras EduLingüe 2030
A Xunta de Galicia promove durante este curso a certificación oficial do nivel de idiomas de 4.000 alumnos e alumnas de 189 centros educativos públicos, mediante o financiamento das probas específicas de avaliación. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destina unha partida próxima aos 400.000 euros para cubrir os custos das probas de competencia lingüística, cunha achega individual de 100 euros por estudante.
A medida vai dirixida ao alumnado de 4º da ESO, Bacharelato e Formación Profesional, que pode optar á certificación nunha única lingua estranxeira: inglés, francés, portugués ou alemán. Estas probas permiten acreditar os niveis B1, B2 ou C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, tanto nas destrezas orais como escritas.
No que respecta á distribución dos estudantes beneficiados, 555 pertencen a 4º da ESO, 692 son estudantes de Formación Profesional e 2.517 cursan Bacharelato.
Esta actuación forma parte da Estratexia galega de linguas estranxeiras EduLingüe 2030, na que o Goberno galego inclúe un conxunto de actuacións para mellorar a competencia lingüística da mocidade e fomentar o plurilingüismo no sistema educativo.
Para facilitar este procedemento, a Consellería de Educación convocou unha liña de bolsas que permiten aos centros beneficiarios xestionar as probas de acreditación da competencia lingüística en linguas estranxeiras do alumnado. Deste xeito, a coordinación e execución dos exames corresponde aos propios centros, que son os encargados de seleccionar os estudantes candidatos, determinar o nivel de certificación e escoller as entidades ou organismos acreditadores oficialmente recoñecidos.
A relación completa dos centros de Secundaria e Formación Profesional participantes nas probas de acreditación de idiomas pode consultarse no Portal Educativo.



