HomeXunta de GaliciaA Xunta destribuíu este ano máis de 14,2 M€ entre preto de...

A Xunta destribuíu este ano máis de 14,2 M€ entre preto de 300 concellos galegos para posibilitar case 850 contratos a prol da prevención de incendios forestais

- Anuncio -spot_img
  • O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento galego co gallo de dar conta dos resultados do programa Aprol Rural 2025
  • Recordando que por primeira vez a convocatoria incluíu os apoios á contratación de persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga), fixo fincapé tamén en que se centrou nos municipios de menos de 50.000 habitantes
  • Entre outras novidades, a orde ofreceu a posibilidade de desenvolver accións formativas por parte do Goberno galego en colaboración coas entidades locais, das que se beneficiaron 253 persoas en toda a Comunidade  

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento galego co gallo de dar conta dos resultados do programa Aprol Rural 2025. Alí, destacou que a Xunta distribuíu este ano máis de 14,2 millóns de euros entre 298 concellos galegos para posibilitar un total de 846 contratacións de persoas desempregadas en tarefas relacionadas principalmente coa prevención de incendios forestais como a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa.

Na intervención, Fernández recordou que a convocatoria de 2025 fusiounou por primeira vez as tradicionais achegas de Aprol Rural cos apoios á contratación de persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga), ademais de centrarse nos municipios de menos de 50.000 habitantes. Como novidade, tamén podían acceder as mancomunidades e consorcios locais exclusivamente de concellos.

Nesa liña, cómpre detallar que —do conxunto de entidades locais beneficiarias— 96 son da provincia de Ourense (ás que lles corresponderon 331 contratos), 86 da Coruña (con 221 contratacións), 65 da de Lugo (155 contratos) e 51 de Pontevedra (139 contratacións laborais).  

A convocatoria de axudas contemplaba a contratación anticipada unha vez presentada a solicitude de axudas, no mes de marzo, e o secretario xeral salientou que un total de 104 concellos se acolleron a esa opción para promover 314 contratos. Segundo puxo de relevo, outra novidade foi a posibilidade de desenvolver accións formativas —por parte do Goberno galego e en colaboración coas entidades locais— para as persoas traballadoras contratadas e relacionadas coa limpeza e mantemento de vías e parcelas, así como de prevención de incendios. En concreto, un total de 253 persoas recibiron esas formacións en toda a Comunidade.

Compromiso coa empregabilidade

Pablo Fernández enmarcou estas axudas no compromiso da Xunta de Galicia a prol da empregabilidade, destacando que a nosa é a autonomía que tras rematar o mes de setembro tiña publicado máis convocatorias de axudas para favorecer a inserción laboral.

Nesa liña, avanzou que o programa Aprol Rural se consolidará en 2026 reforzando a súa tripla vertente: a xeración de emprego orientado á inserción no mercado de traballo (por conta allea ou por conta propia), a prevención dos incendios forestais e a dinamización socioeconómica do rural, contribuíndo a fixar poboación e a fortalecer os servizos locais.

Publicacións Relacionadas