A Xunta facilita que 184 universitarios melloren idiomas no estranxeiro este verán a través do programa Galemundo

Redacción

— A Consellería de Educación publica a resolución destas bolsas, de 1.200 € para estadías en Europa e de 1.500 no resto do mundo

— Case o 72% das bolseiras son mulleres, un total de 76 estudan na Universidade de Santiago, 53 na de Vigo, 52 na da Coruña e tres na Intercontinental da Empresa

— O país máis escollido como destino é Irlanda, seguido de Malta, Reino Unido, Canadá, Francia, Alemaña, Italia, Portugal, China, Bélxica, Suecia e Xapón

Un total de 184 universitarios mellorarán os seus coñecementos de idiomas en estadías no estranxeiro este verán co apoio da Xunta de Galicia. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP resolveu xa a convocatoria de bolsas para este fin no marco do programa Galemundo, a través do que o Goberno galego impulsa a internacionalización do ensino.

As bolsas son de 1.200€ para as persoas que realizan a estadía en países europeos e de 1.500€ para as que viaxan fóra de Europa. Do total de beneficiarios, case o 72%, un total de 132, son mulleres, fronte ao 28% de homes, 52 bolseiros. Por universidades, 76 estudan na de Santiago de Compostela, 53 na de Vigo, 52 na da Coruña e tres na Intercontinental da Empresa. No que atinxe ás ramas de coñecemento, Ciencias Sociais e Xurídicas concentra o 47% dos bolseiros (87), Ciencias da Saúde o 17% (30), Enxeñaría e Arquitectura o 16% (29), Artes e Humanidades o 15% (28) e Ciencias o 5% (10).

As persoas beneficiarias realizarán un curso de idiomas presencial entre o 1 de xuño e o 31 de agosto, cunha duración mínima de tres semanas e un mínimo de 45 horas lectivas no idioma oficial do país elixido. Os destinos escollidos son Irlanda (49 persoas), seguido de Malta (32), Reino Unido (28), Canadá (19), Francia (15), Alemaña (14), Italia (13), Portugal (9), China (2), Bélxica (1), Suecia (1) e Xapón (1).
Arredor de 8.300 persoas, entre estudantes e docentes, participan ao longo deste curso en mobilidades no estranxeiro a través do programa Galemundo, que aglutina todas as bolsas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP neste eido para facilitar que alumnos e profesores poidan viaxar a outros países e mellorar as súas competencias en idiomas. O Goberno galego destina este ano case 18 M€ a esta iniciativa.

Comparte este artigo