- A intervención, que se executará dividida en dúas fases entre este ano e o que vén, permitirá duplicar a capacidade operativa das instalacións actuais coa execución de traballos en cubertas, fachadas, estruturas, espazos interiores e zonas auxiliares
- Cunha media de 800.000 kg de roupa xestionada cada ano, Padre Rubinos dispón de 125 contedores repartidos pola cidade, un almacén e unha tenda de segunda man
- O apoio económico do Goberno galego a esta iniciativa responde a razóns de interese público, social e ambiental, ao tratarse dunha infraestrutura clave para o fomento da economía circular e da preparación para a reutilización no sector téxtil
A Xunta de Galicia e o Roupeiro de Padre Rubinos colaborarán no impulso dunha actuación integral de ampliación, rehabilitación e modernización das instalacións que ten a entidade na cidade da Coruña co fin de impulsar a correcta xestión e a preparación para a reutilización dos residuos téxtiles.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o presidente da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos, Eduardo Aceña, asinaron esta mañá un convenio que compromete unha achega directa por parte da Xunta de case 350.000 euros (342.869,56 euros) coa que se sufragará o importe total do proxecto.
Este acordo, como explicou a responsable autonómica, enmárcase no apoio do seu departamento a infraestruturas que pola súa función contribúan ao fomento da economía circular e a incrementar a capacidade operativa de Galicia en materia de residuos. Neste sentido, a intervención duplicará a capacidade operativa das instalacións, modernizará aquelas que estean obsoletas, resolverá patoloxías construtivas históricas e adaptará o edificio aos requirimentos técnicos, ambientais e funcionais actuais.
En concreto, actuarase en cubertas, fachadas, estruturas, espazos interiores e zonas auxiliares, o que permitirá ampliar a superficie funcional dedicada a preparación para a reutilización, mellorar as condicións de traballo, o almacenamento, a loxística, a eficiencia enerxética e a conservación dos materiais téxtiles tratados. Os traballos, que executará a propia entidade, desenvolveranse en dúas fases, estando previsto que a primeira comece este verán e a segunda se leve a cabo ao longo do vindeiro ano 2027.
A conselleira destacou o “dobre interese, social e medioambiental”, da actuación que se vai executar no marco do convenio asinado hoxe. Neste sentido, terá un impacto directo sobre a cidadanía, coa promoción de hábitos de consumo máis sostibles que contribúan á redución da xeración destes residuos, efectos sociais e económicos positivos asociados ao mantemento e creación de emprego —neste caso, dirixido a persoas en situación de risco de exclusión social— e tamén beneficios desde unha perspectiva ambiental, xa que reforza a aposta da Xunta pola rehabilitación eficiente de edificios fronte á nova construción, en liña tamén cos principios de economía circular e a redución de emisións.
Ademais, o interese público da intervención xustifícase en que o Roupeiro de Padre Rubinos é unha infraestrutura clave para a economía circular e a preparación para a reutilización no sector téxtil que ten detrás unha iniciativa singular, consolidada e de referencia en Galicia, cunha traxectoria acreditada e capacidade operativa xa instalada.
De feito, cómpre subliñar que a Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos leva anos desenvolvendo de forma estable na cidade da Coruña actividades de recollida, selección, clasificación e preparación para a reutilización de produtos téxtiles.
Cada ano xestiona unha media de 800.000 quilogramos de roupa usada, que recolle e transporta en vehículos propios ata os seus almacéns para a súa xestión posterior. Na actualidade conta cun total de 125 contedores para residuos téxtiles na cidade da Coruña e ademais, complementa o seu labor proporcionando vestimenta gratuíta a usuarios do albergue de transeúntes e familias necesitadas e cunha tenda de roupa de segunda man doada, con 400 clientes habituais e unhas 6.000 prendas vendidas ao ano.
Primeira planta pública de residuos téxtiles
A intervención integral nas instalacións para o tratamento de residuos téxtiles de Padre Rubinos na Coruña enmárcase nas políticas autonómicas de prevención de residuos e economía circular, complementando outras iniciativas da Xunta orientadas á redución da xeración de residuos, á preparación para a reutilización e ao uso eficiente dos recursos, de acordo cos obxectivos ambientais fixados pola normativa europea, estatal e galega.
De feito, cómpre lembrar que a recollida separada a nivel municipal da fracción téxtil é obrigatoria para todos os concellos desde o 1 de xaneiro de 2025 e a Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular estatal establece como prioridade a preparación para a reutilización e o reforzo das infraestruturas necesarias para este fin.
Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta tamén está construíndo na actualidade, a través da empresa Sogama, unha planta pública para a clasificación de residuos téxtiles en Galicia, cun investimento previsto de máis de 22 millóns de euros e que será, ademais, a primeira destas características de toda España.

