• O investimento total roldará os 455.000 euros, dos cales a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas asumirá o 70%.
• O alcalde, Horacio Gil, agradeceu á conselleira María Martínez Allegue o seu compromiso co desenvolvemento e a seguridade viaria do municipio.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou o pasado 13 de maio, co alcalde de Arbo, Horacio Gil, un convenio de colaboración para desenvolver actuacións de humanización neste concello ao amparo do Plan Hurbe.
O acordo permitirá executar a humanización da rúa Vázquez Estévez, cun investimento total de preto de 455.000 euros. A Xunta financiará o 70% do orzamento e asumirá a contratación e execución das obras, mentres que o Concello achegará o 30% restante e redactará o proxecto.
Esta obra constitúe a primeira fase da humanización da rúa Vázquez Estévez. O proxecto completo, que se executará por etapas, contempla a mellora de toda a vía ata a súa intersección coa PO-400, á altura de Teimende.
Tras a firma do documento, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, mostrou a súa enorme satisfacción polo inicio deste proxecto e quixo agradecer expresamente á Consellería e á conselleira María Martínez Allegue a súa estreita colaboración. “Esta firma é o resultado dun traballo conxunto e quero dar as grazas á Xunta de Galicia e, persoalmente, á conselleira pola súa sensibilidade coas demandas do noso municipio. Grazas a este apoio, Arbo contará cunha rúa Vázquez Estévez moderna, segura e plenamente accesible”, destacou o rexedor. Gil tamén subliñou o impacto positivo do investimento: “Para un concello como o noso, contar co respaldo económico do Plan Hurbe é fundamental. Este convenio permítenos acometer unha obra ambiciosa que non só embelece a nosa contorna, senón que renova servizos básicos de saneamento e luz, mellorando directamente a calidade de vida dos veciños”.
Tal e como explicou a conselleira, que se desprazou á localidade para presentar o proxecto ante os veciños e veciñas, a actuación ten como finalidade acondicionar esta vía para convertela nun espazo máis cómodo para os desprazamentos a pé. As obras terán un prazo estimado de execución de seis meses e consistirán na reordenación da rúa para gañar espazos peonís, limitando o tráfico a residentes e vehículos de emerxencia
Os traballos permitirán ampliar as beirarrúas, renovar o pavimento, eliminar barreiras arquitectónicas e reforzar a seguridade viaria. Tamén se delimitarán as zonas de aparcamento e renovaranse as redes de saneamento e abastecemento.
Esta intervención desenvólvese a través do Plan Hurbe, programa co que o departamento que dirixe M. Allegue coopera cos concellos galegos para impulsar a mellora das contornas urbanas, contribuíndo a fixar poboación e dinamizar a economía local, especialmente nos municipios do rural galego.

